sábado, 30 de outubro de 2010

OS FUTUROS PELOTAZOS URBANÍSTICOS EN SOLO RÚSTICO

A Xunta permitirá a localización de industrias en solo rústico protexido - Medio Ambiente introduce o cambio a través da Lei de Orzamentos

Só pasaron nove meses desde que a Consellería de Medio Ambiente sacou adiante a reforma da Lei do Solo, e o Parlamento espera no que resta de lexislatura outro proxecto de lei para modificar con profundidade a lei urbanística por excelencia. Pero Agustín Hernández non quixo esperar máis para introducir cambios na norma aprobada o pasado 23 de marzo. Fíxoo silenciosamente, a través da lei de acompañamento do proxecto orzamentario, para abrir a porta á instalación de industrias, dotacións e infraestruturas en chan rústico protexido.
Camuflados entre a maraña de cifras dos Orzamentos da Xunta para 2011, a Consellería de Medio Ambiente incluíu dous artigos que modifican a Lei de Ordenación Urbanística de Galicia de 2002 (Louga), sobre a que se baseou a reforma do pasado marzo. Un deles introduce dous cambios de calado. O primeiro permite á Xunta autorizar a "implantación de infraestruturas, dotacións e instalacións nas que concorra unha causa de utilidade pública ou interese social" prevalente. O segundo, elimina unha frase do artigo que regula os usos autorizables nos solos rústicos de protección agropecuaria, a que establece a condición de que "non leven á transformación urbanística dos terreos nin lesionen os valores obxecto de protección".
Foi a deputada do PSdeG Mar Barcón a que destapou os cambios. Fíxoo na comisión parlamentaria na que Agustín Hernández explicou os orzamentos da consellería para 2011, nunha exposición na que pasou por alto os cambios na Lei do Solo. "Será que se avergoña", ironizou Barcón, que acusou ao conselleiro de "arrasar o territorio" coa autorización de calquera uso "empregando a fórmula da utilidade pública".
A socialista lamentou tamén a "utilización perversa" da lei de acompañamento dos orzamentos "para sortear controis lexislativos" e "eliminar as cautelas nos procesos de urbanización". A deputada Teresa Táboas, do BNG, coincidiu con Barcón: "Non se atreveu fai nove meses e abre agora esta vía para a especulación e estragar o territorio".
O conselleiro apelou á crise e ao paro para defender os cambios. "Gustaríame que lles dixesen aos parados de Galicia que non están de acordo con que poidamos implantar unha instalación de xeito excepcional en solo rústico", retou á oposición. Subliñou Hernández que as autorizacións requirirán "do necesario informe favorable" da autoridade ambiental, neste caso, a propia Consellería de Medio Ambiente. O seu titular admitiu que o obxectivo é facilitar o desenvolvemento de empresas e dotacións, que está "moi comprometido, ao non existir extensións importantes de terreo que non inclúan zona de especial protección". Fontes do departamento explicaron que, con este cambio, a Plataforma Loxística de Salvaterra (Plisan) non tivese os problemas de desenvolvemento que a acucian.
A Xunta tamén permitirá levantar residencias e centros de saúde en solo rústico protexido...

Ningún comentario: