xoves, 7 de outubro de 2010

SUMA E SEGUE A CORRUPCIÓN URBANÍSTICA

Tres detidos nunha operación contra a corrupción en Murcia

A Garda Civil arresta ao 'número dous' de Urbanismo, a un avogado e a un enxeñeiro.- Os axentes rexistran edificios municipais e empresas na cidade e en Madrid, entre eles o domicilio do dono do Real Murcia, Jesús Samper

A Garda Civil detivo a tres persoas en relación coa operación que se desenvolve en Murcia, onde se están practicando rexistros en despachos da Xerencia de Urbanismo do Concello, gobernado polo Partido Popular. Os arrestados son o director da xerencia de Urbanismo, Alberto Guerra, o avogado Higinio Pérez Mateos e o enxeñeiro italiano, vinculado a empresas murcianas da construción, Renato de Noce.
As detencións practicáronse dentro dunha investigación da Fiscalía de Murcia sobre os convenios na zona norte do municipio, onde hai licenza para 19.000 vivendas xunto ao estadio de fútbol da Nova Condomina e os centros comerciais. Investíganse os delitos de malversación de caudais públicos, branqueo de capitais, suborno e negociacións prohibidas aos funcionarios.
Unha vintena de axentes da Unidade Central Operativa da Garda Civil levaron a cabo rexistros en varios despachos da Xerencia de Urbanismo do Concello de Murcia, que foi precintada, e nalgunhas empresas e domicilios tanto desta cidade como de Madrid. Na capital, a Garda Civil está rexistrando o domicilio do actual propiertario do club de fútbol Real Murcia, Jesús Samper.
Os axentes atópanse na primeira planta da Xerencia, onde están situados, entre outros, o despacho do concelleiro, do director de servizos, e a asesoría xurídica municipal.
Os rexistros foron ordenados polo xulgado número 8 de Murcia e o caso atópase baixo segredo de sumario.

Ningún comentario: