xoves, 11 de novembro de 2010

AS INCOHERENCIAS DE ABEL CABALLERO

PRIMEIRO QUITÁMOSLLES AS TERRAS E DESTRUÍMOS O SEU MODO DE VIDA E LOGO SUBVENCIONAMOS HORTOS NOS COLEXIOS

O Concello paga 227.000 euros a unha empresa por facer hortos escolares-O goberno local aprobou o prego de condicións para desenvolver o proxecto ecolóxico en catro anos

A xunta de goberno local deu onte luz verde á aprobación do prego de condicións para a contratación dunha empresa que se encargue de organizar hortos ecolóxicos nos centros escolares de educación primaria da cidade.
O investimento será de 227.840 euros, a repartir en catro anos. Á primeira anualidade destínanse só 5.696 euros, tendo en conta que está a piques de finalizar o 2010 e que só se aproveitaría decembro. Para o próximo ano presupuxéronse 56.960, a mesma cifra que no 2012. O programa concluirá no 2013 cun investimento de 51.264 euros.
A data aproximada de inicio do proxecto é o primeiro de decembro e a duración do contrato, de tres anos, prorrogable por unha anualidade máis.
Programa
O programa educativo ten como obxectivo familiarizar aos estudantes coa utilización dos métodos de cultivo e a agricultura ecolóxica, segundo anunciou onte o alcalde. Para iso contratarase a persoal especializado, tal como recolle o prego de condicións.
Trátase de concienciar sobre a importancia do medio ambiente a través da creación de hortos nos colexios durante o período escolar.
Á marxe deste investimento enmarcado nas actividades do departamento de Educación, a concellaría de Medio Ambiente orzou para o próximo ano proxectos como a recuperación dos humidais de Vigo, ao que destinará 84.500 euros e a mellora ambiental do río Lagares, á que irán parar outros 80.000.
Contradición co PXOM de Vigo
O Plan Xeral de Vigo, elimina a metade do medio rural do municipio (actualmente o 65% do territorio) e reduce gravemente a diversidade biolóxica, cunha extinción media do 15% das especies vexetais e animais.
Non protexe nin rexenera as cuncas e leitos fluviais nin as súas fragas de ribeira. Non rexenera os ecosistemas do litoral non urbanizado, e reduce a franxa de solo rústico de protección de costas de 200 a 100 m. Degrada os humidais costeiros (introduce un vial na xunqueira do Bao; mantén e amplía a depuradora na xunqueira do Lagares) e os continentais (non protexe a lagoa Mol da ampliación do aeroporto). Considera que o valor ambiental e paisaxístico da coroa de montes é medio, alto ou moi alto, pero atribúelle unha alta capacidade de urbanización. O agresivo deseño das infraestructuras de transporte (AVE, autovías e a inxustificada Rolda de Vigo) provoca un grave impacto ambiental sobre o medio rural e os espazos naturais, e ocasiona unha grave fragmentación territorial.
O PXOM carece dunha concepción ecolóxica do territorio. Extende o medio urbano dende o actual 35,5% ata o 65% dos 106 km2 do municipio, o que supón un consumo insostible de territorio e a eliminación dunha valiosa diversidade. Non rexenera nin protexe o medio ambiente e a paisaxe, senón que os destrúe en gran medida e de xeito irreversible.
O PXOM elimina o 60% da actual superficie agrícola (14,6% do territorio), o 20 % da superficie de cultivo forestal (25,3%) e un 68% do medio rústico e natural restante (24,6%).

Ningún comentario: