martes, 16 de novembro de 2010

O RESCATE DAS AUTOESTRADAS

O novo capitalismo refundado ten un vello lema: se gaño é para min, se perdo imos a medias; privaticemos os beneficios, socialicemos as perdas. O último exemplo deste neocomunismo de mercado, deste liberalismo de casino, ímolo a pagar en España; será en cuestión días, será caro. Será tamén a única emenda aos Orzamentos Xerais do Estado que contará co exótico consenso do PSOE, do PP e tamén de CIU. Os dous grandes partidos e a súa bisagra só se puxeron de acordo nunha cousa: en salvar ás concesionarias das autoestradas de peaxe, que ameazan con ir a quebra. O rescate público para estas empresas e os seus accionistas -as grandes construtoras- consistirá en axudas directas e créditos brandos; aínda non se coñece a cifra total, pero o cheque ascenderá a algúns centos de millóns de euros. As construtoras piden 800 millóns; máis da metade do aforrado ao conxelar as pensións.
O desastre que agora imos pagar comezou neses anos nos que España ía ben, e os ladrillos voaban. O Goberno de Aznar adxudicou as autoestradas radiais de Madrid cunhas expectativas de tráfico que nunca se cumpriron; coa crise, non ingresan nin a metade do previsto. Despois, unha sentenza do Supremo -apoiada na irresponsable lei do solo do PP- multiplicou o custo das expropiacións de terreo para construír estas vías.
Desde Fomento defenden que hoxe só queda elixir entre unha solución mala e a peor: entre cubrir esas perdas ou asumir unhas quebras que poderían supor para o Estado unha débeda de máis de 4.000 millóns. Poida que sexa así, e de verdade non exista alternativa. Pero é difícil de dixerir que estas empresas, que entraron no negocio "baixo o seu risco e ventura", gañen sempre, ata cando todos perdemos.
Escolar.net

Ningún comentario: