xoves, 4 de novembro de 2010

A XUNTA ELIMINA SEIS CATEGORIAS DE SOLO RÚSTICO DE ESPECIAL PROTECCIÓN

"está o raposo ao coidado das galiñas".

Dunha plumada, seis categorías de solos rústicos especialmente protexidos desaparecen da Lei do Solo de Galicia. Nela estaban desde 2002, cando o entón conselleiro de Ordenación do Territorio José Cuiña deseñou a lei urbanística galega por excelencia, aínda vixente a pesar das súas sucesivas reformas. As categorías eliminadas son as de protección de infraestruturas, das augas, de costas, de espazos naturais, da paisaxe e de zonas con interese patrimonial, artístico ou histórico. Galicia só manterá a protección agropecuaria e de protección forestal, e cun cambio adicional que permite a instalación de industrias.
O cambio chega escondido no proxecto de lei de acompañamento dos Orzamentos de 2011. O pasado luns, o PSdeG xa adiantou algúns cambios na comisión onde o conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, explicaba as súas contas para o ano próximo. Trátase das modificacións que permitirán a localización de parques empresariais en solos de especial protección. Pero nin a oposición reparou na eliminación das outras cinco categorías deste tipo de solos, nin Hernández permitiu que saltase a lebre.
O artigo 17 da lei de acompañamento dos Orzamentos modificará por completo o punto 2 do artigo 32 da Lei de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural (Louga), de 2002. Así, o solo rústico protexido pasa de oito categorías a só dúas. E en ambas, co engadido da mesma coletilla. Que, excepcionalmente, poderán autorizarse "as actuacións necesarias para a implantación de infraestruturas, dotacións e instalacións".
O solo rústico de especial protección está constituído polos terreos que, polos seus valores, están suxeitos a limitacións ou servidumes para a protección do dominio público ou doutra índole, polo que se lles somete a un réxime especial incompatible coa súa transformación. Deste xeito, deixa de ter esa consideración por exemplo o solo de protección de costas, constituído por terreos que se atopan a unha distancia inferior a 200 metros do límite interior da ribeira do mar. O de protección paisaxística, mentres, confórmano segundo a lei aínda en vigor os terreos así clasificados para preservar as vistas panorámicas do territorio, o mar, o curso dos ríos ou os vales e dos monumentos ou edificacións de singular valor. A Xunta nega que haxa cambio algún, pero tampouco acepta que se trate dun erro, cando a nova redacción borra as outras seis categorías.
Os solos desprotexidos poderán xa que logo transformarse se os plans municipais así o estipulan. É o caso tamén das zonas con interese patrimonial, artístico ou histórico, que estean contempladas no planeamento ou na lexislación sectorial. A de protección de augas fórmana os terreos situados fóra de núcleos rurais e solo urbano, definidos como canles naturais, ribeiras e marxes das correntes de auga e como leito ou fondo de lagoas e encoros.
Os cambios afectan así mesmo aos usos autorizables en solo rústico de protección agropecuaria, nos que xa non será necesario evitar "a transformación urbanística dos terreos" nin a "lesión dos valores obxecto de protección". Ademais da Louga, a Xunta modifica a Lei de Ordenación do Territorio, de forma que os proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, que ata agora non podían afectar a terreos rústicos de especial protección, en diante si poderán facelo, sempre que conten cun informe oficial favorable.
A Xunta desprotexerá a costa, os ríos e os espazos naturais...

1 comentario:

Anónimo dixo...

Contra el maltrato al patrimonio Denuncia!!
Galiciadenuncia.
Esperemos que esta sea una de las formas de protestar , no dejemos que nuestra historia se muera con nuestros árboles.
Galicia e Máxica valoremos e respetemos os montes eles danos o aire.