venres, 10 de decembro de 2010

UN XULGADO DECLARA DE NOVO ILEGAIS LICENZAS EN BARREIROS

Un xuíz anula o permiso para construír catro edificios con 173 vivendas

O bipartito segue obtendo triunfos nos tribunais contra o caos urbanístico de Barreiros vinte meses logo de abandonar o poder. A pesar de que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, fai repetir que no conflito xudicial aberto entre o rexedor do PP Afonso Fonte Parga e o Goberno anterior, os fallos xudiciais caen ao lado do alcalde, o certo é que as dúas sentenzas que se coñecen anularon os permisos para edificar concedidos polo Goberno municipal. Fonte Parga foi denunciado á súa vez polo fiscal xefe de Lugo quen lle acusa de prevaricar ao conceder estas licenzas. De momento, o rexedor só coñece derrotas nos xulgados.
Por segunda vez , os tribunais avalan unha impugnación efectuada pola Consellería de Política Territorial que presidía a socialista María José Caride e que chegou a recorrer 44 licenzas do Goberno municipal. A maioría ou as retirou ou as está deixando morrer no xulgado o Goberno de Feijóo, que avoga por solucionar as tropelías inmobiliarias cun convenio que prevé investir 14 millóns de euros de fondos públicos para dotar de infraestruturas a esas novas construcións.
O pasado 28 de outubro, o Xulgado do Contencioso Administrativo número 1 de Lugo volveu ditar sentenza: o Concello de Barreiros non debeu conceder permiso á sociedade Promociones Nordés, SL, para levantar catro edificios e 173 pisos na zona de Pumarín (San Miguel de Reinante) dentro do municipio lucense, porque a superficie sobre a que se asentan eses mamotretos era solo urbano non consolidado. No seu segundo fallo -o primeiro anulou un modificado desta mesma obra- o xuíz decreta que a licenza "non é conforme a dereito" e estima o recurso contencioso-administrativo interposto pola Xunta, na época do bipartito, contra a resolución do alcalde de Barreiros de non admitir a trámite os requirimentos do Goberno galego para que anulase os permisos.
Logo de analizar os informes dun perito independente, dos propios técnicos da Xunta e nalgún caso da arquitecta municipal, o xuíz conclúe que no momento de conceder esta licenza (xaneiro de 2006), o terreo en cuestión non estaba dotado dos servizos urbanísticos esixidos polo artigo 16 da lei de ordenación urbanística de Galicia. Engade que entón a leira non tiña "a condición de solar" nin podía chegar a selo "se non é a través dun proceso de urbanización que supera a consideración de obras de pequena entidade". Iso é precisamente o que delimitaría a condición de solar.
Segundo recolle a sentenza, "os solares cumpren uns requisitos, a saber: acceso por vía pública pavimentada, a auga abastecida ten que ser potable, a evacuación de augas terá que realizarse á rede de saneamento, a subministración de enerxía eléctrica e o alumado público deberán ter condicións de caudal e potencia adecuadas aos usos permitidos". E conclúe o xuíz: "A licenza impugnada non debeu outorgarse pois era exixible que os terreos onde estaban proxectadas as construcións das vivendas houbesen, previamente, asumido un proceso de urbaniación para a idónea e suficiente dotación dos servizos urbanísticos".

Ningún comentario: