xoves, 9 de decembro de 2010

SOGAMA: SERVIZOS FUNERARIOS

SEPULTUREROS

Sogama enterra cada mes 5.000 toneladas de lixo “que non trata”--A sociedade asegura que “non deixou sen reciclar nin unha fracción” e acusa aos sindicatos de “mentir”

Os sindicatos CIG, UGT e CC.OO. denunciaron que parte dos refugallos que antes reciclaban os 32 traballadores da planta clasificadora de Danigal, aos que Sogama rescindiu o contrato o pasado 19 de novembro, van parar directamente e sen tratar ao vertedoiro da Areosa. Os despedimentos provocaron que os 400 asalariados das 14 empresas auxiliares de Sogama iniciaran unha folga indefinida.
Segundo Alejandro Expósito, de UGT, a planta recentemente desmantelada, onde se trataban os envases lixeiros, “deixou de recibir restos da bolsa amarela e Sogama entérraos agora directamente no chan”. Versión que corroborou Xosé Lois Martín, da CIG, quen explicou que, en cifras anuais, o complexo medioambiental situado no municipio coruñés de Cerceda “pasou de recoller 80.000 toneladas da bolsa amarela a 21.000”, polo que 59.000 toneladas “se soterran xunto aos rexeitamentos da bolsa negra”, máis de 4.900 ao mes.
Os sindicalistas realizaron estas declaracións despois de que os operarios despedidos de Danigal pasaran a noite pechados no Museo de Arte Contemporánea Unión-Fenosa da Coruña, xa que a hidroeléctrica posúe o 49% do capital da sociedade pública. Como ningún membro do Consello de Administración desa empresa os recibiu, manifestáronse ante a sede coruñesa da Xunta, que participa no 51% da sociedade.
Os sindicatos, que censuraron que Sogama“incumpriu o acordo para readmitir aos 32 traballadores de Danigal”, cualificaron a actitude da empresa de “cachondeo”, xa que “cos cartos dos galegos se está a financiar un sistema moi custoso que ao final consiste en levar o lixo nun camión e metelo nun buraco”, indicou Martín. “É unha fraude para os cidadáns”, engadiu Expósito.
Ademais, as tres centrais denunciaron “coaccións” de Sogama cara os traballadores co obxectivo de “vulnerar o dereito fundamental á folga”. Así mesmo, aseguraron que “se contrataron servizos a persoal alleo á empresa” e que “se están a cubrir postos de servizos mínimos con persoal que carece da formación axeitada”. Así, denunciaron estes feitos ante Inspección de Traballo.
Nesta liña, o PSdeG e o BNG interpelaron á Xunta no Parlamento sobre o conflito laboral de Danigal e o tratamento do lixo. Na súa resposta, a Consellería de Medio Ambiente admitiu que o complexo de Cerceda “superou a súa capacidade nominal hai anos” e deposita na Areosa “as cantidades que non poden valorizarse enerxeticamente”. No tocante aos despedidos, indicou que “son traballadores de Danigal, sen que exista vínculo con Sogama”, malia que o Consello de Administración da entidade aprobou un acordo o pasado 18 de xullo no que se comprometeu a recolocalos.
Pola súa banda, fontes de Sogama aseguraron que as acusacións dos sindicatos “son falsas” e reiteraron que, coa mecanización da planta da bolsa amarela “non se deixou sen reciclar nin unha fracción”.
Xornal.com

Ningún comentario: