venres, 7 de xaneiro de 2011

O INIMIGO ESTÁ DENTRO

D. Emilio Manuel Fernández Suárez, profesor de Ecoloxía da Universidade de Vigo, ex Director Xeral de Desenvolvemento Sostible (goberno PSOE-BNG) e actual Comisionado do Campus do Mar, eximiu ao concello de Vigo (goberno PSOE-BNG) da obrigación de someter o PXOM de Vigo a Avaliación Ambiental Estratéxica (AAE). Ademais de renunciar a garantías e contentarse con promesas (insuficientes e incumpridas polo Plan) puxo como condición para devandita excepción que os proxectos contidos nas ordenacións detalladas fosen sometidos a EIA e, os novos desenvolvementos, a AAE. É dicir, un profesor de Ecoloxía di que avaliar independentemente as partes dun plan, é tanto como avaliar o propio plan. E non estamos falando dun plan calquera, senón que se trata dun municipio á cabeza de Galicia e cunha extensión de 110 Km2. Aínda por riba estabamos ante un Plan feito por e para os promotores inmobiliarios, e nunha data, 28 de Marzo de 2008, posterior ao estalido da burbulla inmobiliaria en EE.UU. (2007) a cal desencadeou unha crise de confianza global, que faría estalar, tamén, por simpatía, a burbulla inmobiliaria española. É dicir: o profesor da Universidade de Vigo eximiu ao Plan dunha avaliación pública, púxolle por conta do PSOE un exame fácil, e, aínda así, tivo que falsear a nota para poder aprobalo. O 28 de Marzo de 2008, D. Emilio Fernández traizoou os seus principios, puxo a ciencia ao servizo de intereses partidistas, asinou entregar o rural de Vigo aos especuladores e abandonou a miles de cidadáns á súa sorte. D. Emilio Manuel Fernández, como científico, era o depositario da chave da porta de entrada á fortaleza. E entregoulla ao inimigo.

Ningún comentario: