sábado, 8 de xaneiro de 2011

NON ENTENDEN QUE OS POLÍTICOS SIGAN NAS CAIXAS DE AFORRO

Cando non botaron a andar aínda as fusións das caixas, chegan indicios desde os fondos internacionais de que non terminan de confiar neses procesos. Unha das cousas que lles produce máis desconfianza é a permanencia dos políticos nos consellos de administración.

Segundo fontes das consultoras que asesoran as fusións, "os grandes fondos teñen moi boa información, miran todo con lupa. Pénsanllo moito antes de prestar diñeiro, e quen son os xestores e os conselleiros de administración non lles resulta indiferente. De feito, saben que a politización das caixas e o seu control polas autonomías é un dos problemas históricos das caixas".
Os SIP, ben vistos
Os fondos internacionais viron con bos ollos que as caixas opten pola fórmula SIP, de fusións frías, que se sustancia na creación dun banco: entenden o que é un banco e non terían inconveniente en prestar diñeiro a estes novas entidades, se fan un saneamento de balances claro e transparente e se aplican unha xestión profesional.
O que lles deixa descolocados é que os consellos das novas caixas sigan poboados de políticos e ex políticos. Nalgúns casos é peor: trátase de militantes de partidos aos que agradecen os servizos prestados con cargos para os que non teñen preparación nin currículo.
Nos consellos de administración das novas caixas séguense sentando ex ministros, ex conselleiros autonómicos e outros ex cargos de partidos políticos, retirados ou fóra da circulación por idade ou por estar queimados.
E xa, rizando o rizo, nalgúns casos buscouse cubrir as aparencias nomeando conselleiros a profesionais das finanzas, pero con clara vinculación a partidos políticos. Estes "conselleiros", con carné ou sen carné, son de clara obediencia de partidos, polo que están contaminando as suposta despolitización das caixas de aforro.
Xestores "inteligibles"
O profesor valisoletano, Luis Garicano, destacado colaborador da Fundación FEDEA, e asinante de todos os manifestos da entidade polas reformas económicas en España, publicou varios artigos nas últimas semanas advertindo de que as novas caixas "deben ser institucións trasparentes, claras", e os consellos de administración "inteligibles" para os investidores internacionais. Inteligibles para o mundo anglosaxón significa "xestores profesionais", non políticos.
Garicano é un gran coñecedor dos mercados e fondos financeiros internacionais, cos que ten permanente contacto, e leva dous anos advertindo de que os mercados internacionais hai dúas cousas que non entenden: "Que os prezos da vivenda en España non baixen á metade; e que non afloren nos balances de bancos e caixas todos os activos danados pola crise inmobiliaria".
A guinda foi que, a pesar da anunciada despolitización, os políticos seguen nos consellos das caixas de aforro. Menos que antes, pero en número non despreciable.

1 comentario:

Un dixo...

¿E que son estes expertos? O que buscan é acabar, e o están conseguindo, co carácter público das caixas. En lugar de reformalas queren o control. ¿Ou están os bancos mellor?
Por favor, tampouco é plan de facer de altofalantes dos donos do mundo. "Os expertos financieiros", as axencias de calificación que fallaron estrepitosamente na prevención da crise e que aínda seguen co mesmo poder