luns, 7 de febreiro de 2011

A XUNTA NON TEN NINGÚN PLAN PARA TRATAR OS LODOS DAS DEPURADORAS

Galicia non desenvolveu ningunha norma para dar cumprimento á normativa europea de lamas das EDAR
Galicia está inmersa nun proceso de modernización de depuradoras para evitar sancións da Unión Europea pola polución mariña, pero a optimización dos sistemas para extraer a contaminación das augas urbanas e industriais crea outro problema sen resolver: que facer co material contaminante que se retira desde fluxo. A UE fixa uns criterios de calidade ambiental para o tratamento dos lodos das EDAR (Estacións Depuradoras de Augas Residuais) que se trasladaron a España nun plan estatal que deixa ás comunidades autónomas a potestade para vixiar o cumprimento destes estándares. Ao contrario doutras autonomías, coma a veciña Castela e León, Galicia non desenvolveu ningunha estratexia para garantir o tratamento destas lamas. Nin sequera o Plan de Residuos 2010-2020, recentemente aprobado, recolle a problemática dos lodos.
“Esta situación supón un problema de organización e de directrices do procesado necesario. O plan estatal di que ten que haber un tratamento previo nos lodos, pero esta normativa non está desenvolvida en Galicia e así interprétase dun xeito totalmente permisivo, de maneira que, en ocasións, simplemente se teñen uns días almacenados os lodos e logo se venden e os xestores usan este baleiro legal para facer negocio coa contaminación”, afirma o director da Oficina de Medio Ambiente da Universidade da Coruña, o profesor Enxeñería Química Manuel Soto. O tamén ex presidente da asociación ecoloxista Adega mantén que a Xunta “debía fixar as pautas para clarificar as obrigas de calquera titular dos lodos”, xa sexan administracións públicas –o concello ou Augas de Galicia na maioría dos casos– ou xestores autorizados. “Se vai ao vertedoiro ten que reunir uns requisitos mínimos”, advirte o experto ambientalista sobre esta posibilidade de tratamento. O II Plan Nacional de Lodos de Depuradoras de Aguas Residuais, vixente dende 2007 ata 2015, refírese ao enterramento dos lodos como “a última opción e a menos satisfactoria”.
O uso ideal sería a compostaxe desas lamas de cara á súa utilización na agricultura como abono. No entanto, Soto advirte dos riscos da utilización desta materia como fertilizante no caso das depuradoras das cidades. “O problema é que as augas residuais urbanas chegan mesturadas coas dos polígonos industriais e, sen esta separación en orixe, é practicamente imposible eliminar os metais pesados dos lodos de depuración”, explica o profesor.
As lamas das depuradoras conteñen cadmio, cromo, cobre, mercurio, níquel, chumbo e zinc, uns metais que en concentracións elevadas supoñen un risco para a saúde. “A problemática destes lodos é que nos últimos dez anos se levaban a terras agrícolas ou forestais sen tratamento previo con prácticas non moi legais pero bastante permitidas que daban lugar a cheiros, á contaminación das augas e mesmo a posibilidade de transmisión de enfermidades”, denuncia.
A solución pasaría, ao xuízo deste experto, por obrigar as propias industrias a tratar as súas augas sen mesturalas coas de orixe doméstica para reducir a contaminación dos lodos, que logo serían aptos para a fertilización tras un proceso de compostaxe. Pero este proceso ideal dista moito da realidade en Galicia, onde a falta dunha estratexia integral promovida pola administración fai que unha porcentaxe importante destes residuos rematen no vertedoiro.
INCUMPRIR A NORMATIVA EUROPEA
“Cualitativamente estamos a incumprir a normativa europea porque non acadamos os obxectivos que marca aínda que na práctica se esquivan esas normas, pero comezará a haber denuncias e sancións por esas infraccións”, opina. O último borrador da Comisión Europea sobre o tratamento de lamas de depuración –que completa a normativa europea de calidade das augas e de residuos– estima que estas non se deben usar nos montes e marca uns límites no contido de cada metal pesado para permitir o seu uso en plantacións. O texto tamén recolle a obriga de tratar as lamas para “reducir a probabilidade de que se desenvolvan axentes patóxenos no medio e para incrementar a confianza dos consumidores”.
Un informe de Adega aposta por establecer dende a Xunta unha estratexia integral xa que “a permisiva e confusa normativa actual e a falta de transparencia na xestión non axudan a clarificar a situación”. O estudo establece que “a redución na orixe e a reciclaxe para uso agrícola son as prácticas sustentables e recomendables”. “A planificación, xunto cun mellor coñecemento das cantidades e características dos lodos xerados, así como o apoio a actividades de investigación son necesarios para a xestión sustentable”, conclúen.

Ningún comentario: