xoves, 26 de maio de 2011

O NEGOCIO ELECTORAL

Vicente Sanz, o ex presidente do PP valenciano, recoñecía que "estaba en política para forrarse", segundo a conversación telefónica que lle pillaron na investigación do caso Naseiro; frase que logo foi atribuída a Eduardo Zaplana, quen, por certo, daba moito mellor o tipo de político chuleta e sen escrúpulos. O que uns líderes apenas recoñecen por teléfono en conversacións privadas, outros, como Berlusconi, se jactan de gobernar os seus países coma se fosen empresas, como negocios particulares que deben dar saborosos dividendos.
Ben o saben en Galicia onde as campañas electorais foron sempre unha modalidade de investimento moi produtivo. O PP, coa súa rede caciquil á napolitana, é un experto en mobilizar aos electores, non cun programa senón con autocares postos ao servizo dos votantes.
No meu pobo, cun censo de preto de 2.800 electores, e unha abstención histórica de case o 40%, mentres os políticos afían a mensaxe electoral, centrados en min e na miña conta bancaria, o economista do partido só necesita botar unhas contas: custa fabricar un alcalde menos de 80.000 euros, o soldo dun ano de toda a corporación municipal; que, co que se aforran en cartelería e anuncios, o comido polo servido. Só hai que conseguir montar en autobuses a 750 electores (anciáns das residencias, monxas de clausura, parados...) coa promesa dun billete de 100 euros a cada un se introducen sóbrelos pechados que entrega o partido.
Todos os anos multiplícanse as denuncias por prácticas parecidas. Pero non lles importa, porque teñen moi presente que a política é un negocio que non se pode deixar en mans dos políticos.

Ningún comentario: