luns, 2 de maio de 2011

UNHA CRISE NECESARIA

Hai unha crise que preocupa e afecta a moitos millóns de persoas. Unha grave crise, coñecida por todos e todas, como é a económica, que repercute de maneira negativa nuns estados máis que noutros. Orixinouse por mor das actuacións do capitalismo neoliberal, e está a levar á desaparición do Estado do benestar, á precarización das condicións laborais e de vida, ao incremento das diferenzas de renda entre as clases sociais e ao enriquecemento salvaxe duns poucos, que contan ao seu favor con todos os resortes políticos e mediáticos.
Mais existe outra crise que a primeira fai evidente, como é a crise política. O actual sistema político da Europa occidental e, de xeito especial, o sistema vixente no Estado español xa non son capaces de dar respostas eficaces aos desafíos económicos, democráticos e medioambientais das sociedades do século XXI. Instalouse un bipartidismo esterilizante e esmagador, formado coas dúas caras do mesmiño capitalismo neoliberal e globalizador.
Por unha banda, a dereita conservadora dos denominados partidos populares, e pola outra, a falsa socialdemocracia dos partidos da Internacional Socialista, que renunciaron a unha política redistributiva e se converteron en simples empresas lucrativas de intermediación política. Uns e outros dedícanse acotío só a loitas mediáticas aburridas entre as súas cúpulas para acceder ao poder, esquecéndose de transformar a realidade e de elevar as cotas da democracia, da participación e do benestar social.
Para manter este sistema estábel é fundamental que haxa sindicatos controlados e partidos que consigan moitos votos da esquerda, para logo no goberno actuaren como a dereita neoliberal. Pasou con Felipe González e pasa agora con Zapatero, que malia que saiu presidente prometendo conservar o Estado de benestar e os servizos públicos, levou despois unha xestión contraria aos intereses do seu electorado, sen se cuestionar que sería moito máis digno e ético demitir antes que traizoalo.
Un enorme traballo político non asumido espera, para devolver a ilusión á sociedade coa saída da precariedade e a mellora do benestar da maioría dos cidadáns, e non só cunha recuperación económica que faga, como adoita suceder, aínda máis ricos aos que xa o son. Cómpre repolitizar ás organizacións políticas, para que fagan política con maiúsculas, para que non abandonen á sociedade nas poutas dos mercados, para que se ocupen non só de pelexar coas outras cúpulas polo pastel do poder e despois reduciren o seu labor a unha simple xestión do existente
O sistema político tamén está en crise, e sería moi necesario que esta se agravase. Xa non é posíbel avanzarmos con esta falsa esquerda oficial, chea de demagoxia e oportunismo, que actúa como tapón, impedindo o medre das iniciativas de esquerda auténtica que poidese haber. O seu fracaso electoral e redución son imprescindíbeis para que xurda unha nova esquerda democrática, ética e transformadora, que traballe ao servizo das clases desfavorecidas. Millóns de mozos, xubilados, asalariados ou funcionarios esperan que das cinsas deste europeísmo neoliberal, do bipartidismo e da falsa socialdemocracia apareza unha nova esquerda política e sindical que loite de maneira radical por sacalos do desencanto, da abstención e do estado de malestar. M.M.D.

Ningún comentario: