mércores, 15 de xuño de 2011

E AGORA, O DESPEDIMENTO, MÁIS FÁCIL

Levamos décadas coa mesma cantilena de flexibilización do mercado laboral. Creáronse novos tipos de contrato, máis baratos, con menos dereitos, peores en xeral. Iso non fixo senón redundar nunha maior perda de emprego ao chegar a máis mínima dificultade para a empresa. Facilitar o despedimento produce como efecto principal... facilitar o despedimento. Con isto provócase que ao máis mínimo indicio de dificultade (só prevista, non real) as empresas despidan aos seus traballadores. Á fin e ao cabo non custa nada. Co efecto multiplicador, estes parados (despedidos a miúdo debido a unha percepción de dificultade, non a un dificultade real ou actual) producen un empeoramento da economía, que realimenta a creación de paro.
Nos países da nosa contorna (eses con os que lles gusta compararnos aos políticos), aqueles que teñen un despedimento máis complicado (non máis caro, que é irrelevante, senón máis difícil) son os que máis emprego mantiveron. Aqueles países, especialmente o noso, de despedimento barato e fácil (gratis e sen esforzo: ao ser boa parte dos traballadores temporais, só hai que esperar tres meses para que o traballador desapareza sen ter sequera que falar con el) sufriron máis duramente.
Só hai que ver a Telefónica. "Necesitaba" despedir a 8.500 traballadores. Un día despois, ao ver que ten que pagar os despedimentos xa só é "necesario" despedir da empresa con beneficios a 6.500.
Olvidémonos desas mentiras repetidas ata a saciedade. Facilitar o despedimento non crea emprego, destrúeo. J.G.

Ningún comentario: