mércores, 13 de xullo de 2011

A ECONÓMIA DA POBREZA

Entre tanto lume nos montes galaicos e festas medievais e gastronómicas polas terras de Breogán, estes días soubemos os habitantes de por aquí que xa somos menos pobres. En definición, estamos entre indixentes e millonarios, nunha categoría que se deu en chamar de transición. A clase política está exultante de felicidade porque seguiremos tendo fondos europeos, uns 5.000 millóns que chegarán do ceo alemán en 2013. Este novo maná é en premio por superarmos un pouco o 75 por cento do PIB. Parabéns aos nosos políticos por facernos algo máis ricos e deixar de ser comparsa da Estremadura e sumarnos aos manchegos, murcianos e andaluces, que tamén serán rexións de transición. Toda unha vitoria naval sobre a flota pesqueira cacereña, que tan combativa se mostrou nas reivindicacións arrastreiras galaicas en Bruxelas.
O problema de estar entre rico e pobre é que en calquera momento podemos volver á esmola. Despois de tantos anos de vivir da caridade europea, os nosos políticos non saberán manexar os euros e caerán no que lle pasou a tanto novo millonario que aflorou nesta parte do Reino ao amparo das urbanizacións. E como será o próximo Goberno galego quen teña que xestionar estes fondos de transición, propoño que os tres partidos manden a un selecto grupo dos seus aspirantes a conselleiros a realizar algún tipo de curso de xestión de diñeiro alleo para non malgastalo en disparates. Por que estes fondos veñen condicionados a proxectos de eficiencia enerxética e renovables, concorrencia das pemes e innovación. Parecen pensados nos seres humanos de natureza galaica.
Se algo se domina por aquí é o vento, así que en poucos anos cada futura urbanización, ademais de campo de golf, terá un aeroxenerador de deseño, integrado na paisaxe e con estudo de impacto ambiental superado. Unha nova opción para desfacerse do stock de vivendas será arrendar o xardín do chalé pareado para instalar un muiño de vento para pasar de ser propietario dun inmoble a industrial eólico. Se futuro hai.
Na innovación e nas pemes tampouco nos vai mal. O primerio negocio que se nos pasa pola cabeza é montar un bar, un pub, ou un salón de chá, depois xa se creará a gastronomía, que afin de contas non deixa de ser unha novidade culinaria servir unha paella galaica nun prato triangular e en pequena cantidade, que iso de poñer de comer a fartar é doutros tempos: agora, pouco e caro, que resulta máis rendible.
En tempos de Touriño houbo dúas consellerías para iso da innovación: unha oficial e outra na sombra, de ampuloso nome e felizmente cerrada agora. Nin unha nin a outra foron quen de desenvolver unha estratexia de futuro, sobre todo o departamento oficial, porque o outro ía mandar satétiles a Venus e quedou en foguetes de verbena.
Non sei cando deixaremos de ser menos pobres ou algo ricos e pasaremos a ser unha comunidade normal e corrente, sen depender das axudas de ninguén. Esperemos que despois de que se acaben os fondos europeos de 2013 non teñamos aínda que mendigar a caridade e seguir competindo por recibir axudas. Hai que fuxir da economía da pobreza... F.X.C.

Ningún comentario: