xoves, 1 de setembro de 2011

UNHA GRANDE ESTAFA

Rubalcaba ten os días contados co respaldo que o candidato socialista lle vén de dar ao pacto para constitucionalizar o límite do déficit. De agora en diante, pouco crédito poderán ter as propostas coas que tenta distanciarse dos efectos en que deu a caída do cabalo sufrida naquel fatídico 10 de maio por Zapatero. De aprobar o Congreso esa nova imposición dos mercados, do BCE e do tandem Merkel/Sarkozy, pouco ou nada o acabará diferenciado de Rajoy, o principal beneficiario dese acto de sumisión política e de estafa á cidadanía. Non doutra maneira se pode calificar que a primeira reforma de peso na Constitución se leve a cabo con nocturnidade e alevosía, sustraéndolle ao pobo soberán a capacidade para decidilo en referendo.
A necesidade dun maior control sobre as contas públicas, e sobre os níveis do déficit nas diferentes administracións do Estado, non debera equivaler nunca a prohibilo constitucionalmente. Porque esa operación, que é o froito dun pacto ideado en Berlín e subscrito pasivamente en Madrid, compromete a seguridade de xeracións enteiras ás que, aínda que só fose porque nunca tiveron a oportunidade de pronunciarse sobre a Carta Magna que non votaron, se lles debera recoñecer o dereito de participaren directamente nunha decisión que condiciona, con crise ou sen ela, o seu futuro. E tamén o de cantos, pese ás reticencias que provocaba por ser produto dunha transición inmodélica, a votamos en 1978.
En maneira algunha se pode pensar que o déficit ou no seu caso o superávit nos orzamentos vai depender en exclusiva da vontade ou dos desexos gobernamentais de quenda. Utilizar e administrar os níveis de déficit por parte dos correspondentes gobernos dependerá moi especialmente das circunstancias externas ás que un país se teña que enfrontar en cada momento. Nas circunstancias actuais, pechar abruptamente esa posibilidade, sen por outra parte modificar a política que aposta por diminuir o déficit pola vía de reducir o gasto e non pola de aumentar impostos aos máis ricos, o que xa está sendo un monumental fracaso pode acabar convertíndose no que algúns denominan un crime económico. Neste senso, constitucionalizar a obriga do déficit cero equivale a institucionalizar os recortes sociais, e a progresiva e imparable destrución do estado de benestar.
Dicir, como vén de facer a ministra Salgado, que xa non queda tempo para subirlles os impostos aos que máis teñen, sen que se prive de defender ao mesmo tempo a reforma da Constitución en apenas 30 días, é politica e democraticamente indecente. A Constitución ten moitas vías de auga, e precisa dunha ampla reforma, cousa que negaron até agora os gobernos do PSOE e do PP, os seus máis obsesivos gardas. Abrir o chamado “melón constitucional” era para eles sumamente perigoso. Ata o mesmo día en que a señora Merkel e o BCE ordenaron abrilo non por onde fai auga precisamente –modelo de Estado, xefatura do Estado, democracia participativa, estrutura administrativa e papel/composición do Senado, etc.– senón por onde máis facilmente pode ser instrumentalizado pola ideoloxía neoliberal. Ese día, Zapatero e Rajoy non tiveron medo a perder a virxinidade constitucional. Deberían penar a súa culpa nun referendo. Depende de se 35 deputados ou 26 senadores o demandan. ¿Quedan tantos valentes entre tanta cobardía política? Velaí a cuestión.

Ningún comentario: