mércores, 19 de outubro de 2011

A CRISE GLOBAL

Razóns para seguir indignados hainas. Non só seguen activas as denunciadas nas manifestacións e asambleas do 15-M. Entre aquela data e a de 15-O, na que ducias de milleiros de persoas reivindicaron en rúas e prazas de oitenta países un cambio global, todo se volveu máis turbio, incrementando o número de razóns. O salto cualitativo que vén de dar o movemento dos indignados, desafiando mundialmente as toxicidades da globalización, marca a bo seguro un antes e un despois na estratexia cívica contra elas. As consecuencias da crise económica violentan sociedades e comunidades humanas ata a asfixia, e non son quen os gobernos de poñerlles coto sen peaxes. Pola contra, os 23 millóns de parados que hai na UE e os máis de oitenta millóns de pobres oficiais, lonxe de teren neles aos seus valedores, súfrenos como subalternos que son dos mercados e dos banqueiros.
Contra o que historicamente fora unha constante nas loitas sociais, non parece senón que sexan os ricos os que agora abandeiran a revolución. É tal o abandono das clases traballadoras e das clases medias, e tan grande a falta de expectativas para a inmensa maioría da poboación máis moza, sen que a política teña capacidade para impoñerse na toma de decisións, que apenas quedan folgos para resistir esa brutal acometida. A que ten nos rescates bancarios e nos recortes sociais, na explotación laboral, nas agresións medioambientais, na anorexia democrática, nas reformas express e semiclandestinas da Constitución, entre outros, a súa máis radical demostración de forza.
Para certificalo, abonda con evidenciar, botando man das cifras oficiais, a inxustiza que supón terlles costeado aos bancos o seu rescate con nada menos que 5’3 billóns de dólares, unha cantidade de diñeiro que é máis de vinte veces a débeda grega, e tamén máis de catro veces o gasto público en educación e sanidade de todos os países da UE.
Outro tanto se podería aportar cotexando os altísimos custos que comportan os conflitos bélicos, ou os gastos militares que, como sucede nos EE.UU., acabaron sendo de tal embergadura que a punto estiveron de someter a economía do imperio ás consecuencias dun colapso. Os mercados, os bancos, as axencias de calificación, os paraísos fiscais, os gobernos e dirixentes políticos, a OTAN e o entramado dos grandes conglomerados mediáticos, entre outros moitos produtores de toxicidades, malversan o noso futuro. E moi especialmente o das nosas xeracións, como vocearon e escrituraron nas súas pancartas os indignados norteamericanos do movemento Occupy Wall Street.
Un estado global de contestación baixo unha linguaxe de converxencia que reivindica unha auténtica democracia representativa e ataca a inxustiza económica alí onde se produza, é todo un aldabonazo contra cantos, por seren os únicos beneficiados, discursearon sobre as bondades da globalización. Ela e o capitalismo neoliberal que a protagoniza amosan ter os pés de barro. A tal punto chegou a súa crise, que é sistémica, que para saírmos dela non parece que caiba outra opción mellor que a da desglobalización. Querese dicir, como escribe o pensador Berdard Cassen no último Le Monde Diplomatique, o desmantelamento das estruturas da globalización liberal. Ou sexa, o cambio global  do 15-O, reivindicaron milleiros e milleiros de indignados en oitenta países dos cinco continentes.

Ningún comentario: