mércores, 7 de decembro de 2011

AUTOCRÍTICA


Cando un individuo enfróntase a un fracaso persoal o primeiro que ten que facer é serenarse. O ofuscamento nunca é bo compañeiro de viaxe. A partir de aí pode facer dúas cousas. Ou ben botarlle a culpa aos demais, ou ben realizar unha severa autocrítica sobre cal foi o seu proceder previo ao referido fracaso. O primeiro demostra inmadurez e mediocridade. O segundo intelixencia e responsabilidade.
Se un individuo debe pasar por este proceso, con maior razón débeo facer un colectivo. E se ese colectivo é un partido político, a autocrítica convértese nunha auténtica necesidade. O PSOE botoulle a culpa do seu desgoberno a varios factores: a crise internacional, a burbulla inmobiliaria de Aznar, ata á existencia das deputacións provinciais. Atrevéronse a autobautizarse como os fundadores da Seguridade Social e o sistema de pensións. Coma se o sistema nacese onte e non antonte. E, por suposto, dedicáronse máis a asustar que a propor. É dicir, dedicáronse a botar a culpa de todo aos demais, obviar que gobernaron case oito anos. Recibiron un país con superávit nas contas públicas e deixaron un Estado arruinado. Non oín a ningún barón socialista entoar unha serena reflexión de autocrítica. A mediocridade política, persoal e profesional do zapaterismo impide este exercicio de saúde mental.
O abandono das políticas socialdemócratas e a súa substitución por propostas demagóxicas propias da esquerda radical, como a creación dun imposto ás grandes fortunas ou a Lei de Memoria Histórica; unidas a unha política exterior terceiromundista, fotografándose con Chávez, Evos e demais ilustrados criollos, trouxeron como consecuencia o abandono do centro político. O entreguismo aos nacionalismos periféricos e unha extemporánea negociación con ETA son outros datos a ter en conta. O PSOE mirou á súa esquerda e abandonou a idea de consenso. Os españois recordáronllo o 20-N...

Ningún comentario: