xoves, 8 de decembro de 2011

CONTRA A CORRUPCIÓN


"Estamos nun posto relevante como país corrupto, pero ás veces un ata percibe que somos menos rigorosos e serios do que nos sinalan"
España ocupa un preocupante posto número 30 entre os países menos corruptos do mundo, relación que encabezan Nova Zelanda, Finlandia e Dinamarca, as nacións máis transparentes, e na que van á cola Somalia e Corea do Norte. Non se rexistraron grandes variacións na posición española con respecto a anos anteriores, o que demostra que seguimos facendo as cousas mal e que, segundo os expertos, hai escasa intención de adoptar medidas a favor dunha sociedade en que brillen a limpeza e as boas prácticas nas relacións co diñeiro e co Poder, que ás veces son palabras sinónimas.
O que chama a atención é que, no lodo dunha crise de valores, a corrupción sexa máis un costume que unha noticia..., máis un estilo de vida tolerado que unha infección social reprobable. No país que inventou a chapuza, o pelotazo e a recomendación, que a xente que poida facelo transite polos atallos parece o máis natural do mundo... E iso ata o punto de que unha boa parte da sociedade considera un bobo ou un pobre home á persoa decente que non se enriquece coa súa capacidade de influencia. O futuro presidente Rajoy, que é unha persoa recta, ten, entre outras delicadas misións nun futuro moi próximo, a obrigación de levar á práctica a tantas veces anunciada Lei de Transparencia que, aínda que non sexa unha vara máxica, algo axudará a limpar os sumidoiros e a pór a cada un no seu sitio.
E, indo do xeral ao concreto, aí temos un caso que ilustra moi ben sobre o desamparo con que malviven en España algúns valores morais. Referímonos á discoteca mallorquina que, nunha agresiva campaña para captar clientes, sorteará unha operación de cirurxía estética, valorada en 4.500 euros, para aumentar o tamaño dos peitos da gañadora. Contra este cheque-regalo que considera á muller como un obxecto erótico frívolo levantaron as súas voces diversas organizacións sociais, políticas e culturais que cualifican a rifa como algo "denigrante"... Pero, prosperen ou non estas reaccións, a vergoña xa está servida, e o mero feito do seu anuncio denota mezquindade e corrupción. Nada temos contra a cirurxía estética, pero o temos todo contra a manipulación inmoral como elemento de atracción para un negocio. Estamos nun posto relevante como país corrupto, pero ás veces un ata percibe que somos menos rigorosos e serios do que nos sinalan, e que, vendo o que ocorre nalgúns concellos e discotecas, aínda estamos peor do que din. Luis del Olmo 

Ningún comentario: