martes, 27 de decembro de 2011

A DEREITA


Desde sempre a dereita ten a favor a banca, as empresas, os notarios, os rexistradores, a igrexa, os xuíces, os militares, os avogados do Estado, as leiras rústicas e urbanas, a policía, os cárceres. Alá polos anos sesenta do século pasado algúns pensaron que Deus fíxose de esquerdas logo de ler a Sartre. Falsa alarma. Deus tamén é de dereitas de toda a vida.
O Deus Pai é como un John Wayne; o Espírito Santo nomea directamente aos Papas e queda logo todo o tempo sobrevoando o Vaticano; só a segunda persoa da Santísima Trinidade, o Fillo, demostrou estar disposto a compartir as miserias do xénero humano. Baixou dos ceos a redimirnos, tal día como hoxe, polo Nadal. En Palestina curou aos enfermos, resucitou aos mortos, prometeu que os últimos serían os primeiros, botou a benaventuranza aos pobres e sacou o demo de moitos corpos e introduciunos nunha piara de porcos cara ao cantil. Pero, ben mirado, Jesús de Nazaret hoxe, socialmente, estaría considerado como un mozo rico, elegante e de bo corazón, partidario da revolución pendente. O seu pai era carpinteiro, o que na actualidade sería un gran empresario; a familia tiña un pollino capaz de levala a Belén e despois a Exipto fuxindo de Herodes. Un pollino tan resistente sería hoxe equivalente a posuír un Ferrari. O Nazareno lucía un manto inconsútil, dunha soa peza, unha peza exclusiva, cuxo valor moveu a cobiza dos sayones que lla xogaron aos dados ao pé da cruz. Esa forma de vestir supón que o Fillo de Deus ía á última moda e hoxe podería ser cliente de Armani ou de Valentino.
Na nova baralla política a dereita en España acaba de acaparar todos os triunfos en ouros, en espadas e en bastos; á esquerda quedoulle só algunha baza en copas, a suficiente para botar un grolo de tinto con sifón. A dereita teno todo a favor, Deus, o diñeiro, o Boletín Oficial do Estado e o medo do cidadán atenazado pola crise económica. Nesta partida de naipes a dereita ten ademais a última carta na manga: consiste en que os pobres desexan ser ricos, os obreiros soñan con ser burgueses e ao final ata os máis vermellos queren ir de vacacións a Cancún ou a Punta Cana.  MANUEL VICENT


Ningún comentario: