luns, 26 de decembro de 2011

PRIVATIZACIÓNS E CORRUPCIÓN


Vivíamos moi enganados. Uns máis que outros, a verdade sexa dita. Mais parecía que estábamos nun mundo que ía dando pequenos pasos polo bon e secular camiño do incremento do seu grao de civilización, da melloría moral e cultural das persoas e do progreso social para todas elas. O Terceiro Mundo, coas súas aberrantes miserias, inxustizas sociais e ditaduras, era unha realidade que ficaba lonxe para a fachendosa mentalidade común do pensamento único, do benestar e do consumismo, que se estilaba na vella Europa. Unha masa de asalariados, de cidadáns acríticos, despolitizados e individualistas, sen as máis básicas ferramentas interpretativas da realidade, sen hábitos asociativos, que a priori pertencerían á denominada esquerda social, vivían coa persuasión mediática o xa efémero soño da clase media.
No occidente desenvolvido só se vían malos de película nas informacións sobre o Terceiro Mundo e nas páxinas de sucesos. E a avareza e a maldade estrema apenas figuraban entre as características dalgunhas personaxes dos contos infantís. Moi triste foi a descoberta, por causa da crise e da súa simultánea catástrofe social, dos déficits da xustiza e da democracia liberal, das actividades do entramado político-empresarial que a goberna e dos rasgos do máis insensíbel darwinismo social que a caracterizan. E a ampla corrupción á que xa cada vez estamos mais afeitos.
A busca do lucro económico máis radical e desvergoñado, patrocinado polas institucións políticas sistémicas, apoderouse da até agora modélica Europa do benestar. Estáselle facendo pagar a crise do sistema financeiro só á clase media e á clase baixa, enfraquecéndoas, cando non foron as causantes. Os estados, que lle prestan xenerosamente diñeiro á banca ao 1%, para conseguiren os recursos que necesitan, débenlle pagar despois con intereses do 7% ou mais. E perante as dificultades do pago, os gobernos recurtan o gasto público e privatizan os servizos. Porén, non se acaba coa duplicidade das administracións, nin se reducen os privilexios económicos da clase política, nin se persegue a fraude fiscal nin se soben os impostos ás grandes empresas e ás rendas do capital, cando son dos máis baixos da UE. Mándase, en definitiva, apertar o cinto e empobrecerse á maioría social, para que a burguesía financeira e a das grandes empresas poida enriquecerse perpetrando un xigantesco roubo social. A loita de clases na súa máxima expresión.
Había ansiedade nos sectores clientelares que esperaban a vitória do PP para poderen maximizar os beneficios coa conxelación de impostos e as privatizacións masivas, sempre máis onerosas e de menor cualidade para a sociedade e o Estado. O entramado político-empresarial que constitúe o Goberno de Rajoy impulsará os negocios e o lucro en calquer sector, sanidade, educación e servizos sociais, en prexuízo da maioría social que verá minguado o seu nivel de vida.
¿Privatizaranse os cárceres como xa se privatizaron os centros de menores? Nalgúns destes centros, que en boa lóxica deberían ser públicos, as empresas concesionarias castigan con dureza aos menores recluídos que gastan moito papel hixiénico. É o lucro, que diría algún espabilado. M.M.D

Ningún comentario: