sábado, 10 de decembro de 2011

REPAGO


Os que mandan -e os que van mandar- aprenderon unha palabra nova: copago. E, será por aquilo de pronunciala con soltura, repítena cada vez que teñen ocasión. Déronse conta de que encaixa en case calquera frase que inclúa o termo crise. E como o de ser pousados preocúpalles tan pouco como o de ser competentes, insisten sen miramentos.
A última ocorrencia coa que conseguiron que se nos inche a vea do pescozo é a posibilidade de que teñamos que pagar por utilizar as estradas. A idea lanzouna ao aire un dos que se vai. Quen sabe se por ter os seus últimos quince minutos de fama antes de volver ao anonimato ou por gañarse un posto na nova Administración, demostrando que está en sintonía co discurso de austeridade e sacrificios. A cuestión é que a suxestión soa a ameaza. Outra máis.
Pretenden guiarnos cara ao futuro con fórmulas da Idade Media. Volvemos ao portazgo. Un pago polo dereito de paso recadado entón por señores feudais e agora por quen teñan a titularidade da vía. E que concellos, comunidades e Estado vanse zorregar polo control. Polo control do diñeiro, enténdese.
O obxectivo é encher as arcas públicas, iso está claro. Pero, como adoita ser habitual, a proposta está falta de matices. Para empezar, soa inxusto que os únicos en quen recaia a peaxe dun servizo público como as estradas sexan os condutores. É como financiar os hospitais só co diñeiro de quen os utilizan ou manter os colexios exclusivamente cos impostos de quen teñen fillos. Agora, que se este é o camiño, o propio é que a reparación por desgaste de beirarrúas corra a cargo dos xubilados, que son os que máis pasean, e o mantemento de parques e xardíns sexa cousa de familias con nenos.
Esta cuestión leva a outra: ¿Que pasaría coas estradas pouco rendibles? Esas nas que non sexan miles os vehículos que circulen, senón centos. ¿Deixaríanse deteriorar ata facerse inservibles? Ou perigosas, que é moito peor. ¿Pecharíanse as vías pouco transitadas? As mesmas que quizá se anunciaron aos catro ventos no seu día como guías da rexeneración da comarca, por exemplo. E que, probablemente, estivesen financiadas pola Unión Europea, que advertira de que a clave non era investir en novas infraestruturas, senón mellorar as existentes.
De melloras e mantemento fala o pai da proposta, que argumenta que para iso precisamente utilizaríase o canon. Chegamos ao momento básico da polémica. As estradas non son gratis, di. Sabémolo. Polo seu uso e goce abonamos relixiosamente os nosos impostos. Aquí vai outra palabra nova. O que este señor suxire chámase repago.

Ningún comentario: