luns, 9 de xaneiro de 2012

RECAMBIO PREELECTORAL

Se Feijóo non foi máis alá do que un recambio técnico nas consellarías afectadas pola deserción de Pilar Farjas e Currás, é porque ten máis ca decidido un adianto electoral. Non se explica doutra maneira que non aproveitase a ocasión que lle deparou Madrid para meterlle o bisturí a un Goberno que leva moito tempo facendo augas.
Teríalle sido fácil xustificar ceses e nomeamentos en cascada sen dar máis argumentos que o de ubicar en San Caetano a un equipo de refresco, política e tecnicamente capacitado para afrontar as reviravoltas dunha crise que se ceba de maneira inmisericorde con Galicia. Non o tería rexeitado se non lle quedara outro remedio que agotar a lexislatura, cun ano e catro meses máis por diante. O carácter presidencialista que lle impuxo ao seu mandato, e que tanta rendabilidade persoal lle deparou significándose de plató en plató na competición de tiro a discreción contra Zapatero,  non podería resistir tanto tempo sen inimigo exterior no que zurrar.
Vendo como avanza a treboada, sen que lle poñan remedio o mantra da austeridade e os recortes que farán desembocar o Estado de Benestar nun inmenso estado de necesidade, e con tódolos indicadores socioeconómicos de Galicia ao pairo –a última das malas noticias descríbea como a segunda das comunidades autónomas que máis emprego destruiu no último mes do 2011–, Feijóo sábese o sanbastián do autogoberno. A non ser que adiante nun ano o chamamento ás urnas.
Antes de que o electorado note nas súas propias carnes os latigazos do calvario ao que os mercados e o directorio Merkozy nos seguirá sometendo, amosándose Mariano Rajoy o seu alumno máis leal.
Antes tamén de que a sociedade galega perciba como imposibles de toda imposibilidade as reivindicacións que ata a noite mesma do 20-N constituiran a axenda soberanista do presidente galego. En primavera, cando aínda non se coñeza o machadazo orzamentario, ou no outono. Contando, ademais, con coller á oposición socialista e bloqueira enguedellada, e sen líderes de consenso, nos seus respectivos cuarteis de inverno.
Cousa ben distinta é o que ese recambio meramente técnico, e a fusión das consellarías de Cultura e Medio Rural coas de Educación e Mar, respectivamente, comporta para a imaxe, a credibilidade e a eficacia do autogoberno. Nada de nada.
Polo dito anteriormente, e porque o baixísimo nível e a ineficacia do Goberno non se salva coa caída dos dous conselleiros -Varela e Juárez- con menos peso político/partidario. Porén, había entre o resto moito onde escoller para acompañalos. Se non é de recibo que Juárez asumise desde un principio que o rural non ten solución, moito menos o é seguir contando con quen atura sen inmutarse a sangría laboral -Beatriz Mato- e a sangría tanto de asalariados industriais como do Igape –Javier Guerra–.
Que o de Educación, un activo deconstrutor de canto referencia simbólica e politicamente a necesidade do autogoberno, asuma agora Cultura non é senón o indicador que mellor reflicte o desdén que cara ela veu amosando desde un principio o presidente Feijóo. Que a conselleira do Mar, allea a canto non toque costa, se vexa obrigada a decidir sobre como rehabilitar o interior do país, serve tamén para detectar no que respecta ao futuro do rural o derrotismo no que está instalado. O argumento da austeridade é morralla propagandística. L.A.P

Ningún comentario: