martes, 10 de xaneiro de 2012

REFORMA FISCAL

Moitos dos incrementos do patrimonio nos últimos anos non creceron polas rendas de capital, nin xurdiron como premio a unha capacidade emprendedora. Fixéronse vía salarios, dunha forma que algúns podemos considerar fraudulenta, pero vía salarios: directivos que se pon unha retribución esaxerada, un bonus enorme en base a non se sabe ben que e un plan de pensións que lles outorga unha xubilación dourada. Todo iso aderezado co silencio sindical, cunha lei fiscal permisiva e coa conivencia de moitos empregados aos que lles caeron algunha migalla. Resultado: caixas de aforro crebadas, empresas vendidas ao estranxeiro e unha crise que non sabemos en que terminará.
Os poderes públicos non poden permitir que a necesidade dunha renda de traballo xusta para a gran maioría -dun soldo ninguén se fai rico, dicía a avoa- sirva de coartada a unha minoría para colmar a súa cobiza e afundir as empresas. Quen vise Inside job, quen leese o artigo Somos o 99,9%, de Krugman, pero sobre todo quen leese o PAÍS do sábado día 30 as retribucións dos banqueiros das caixas reestruturadas haberá sentido unha gran indignación. Indignación que podería evitarse cunha reforma fiscal que gravase cun tipo moi alto, por exemplo do 70%, a partir do millón de euros. Así que quen queira facerse rico que emprenda e arrisque o seu, non o dos demáis. Máxima que constitúe unha norma fundamental da economía. A fiscalidade debe contribuír ao bo funcionamento económico, algo que os meus compañeiros socialistas esqueceron. Outros lles roubaron a carteira. A.F.

Ningún comentario: