mércores, 15 de febreiro de 2012

CAMIÑO DE PERDICIÓN

Dentro da política hai un precepto que non se cumpre nin de broma nin en serio o cal vén sendo que o funcionamento dos partidos, na súa estrutura interna, ten que ser democrático. O caudillismo funciona mentres os resultados electorais acompañen, un eufemismo para ocultar que se hai poder, existe unidade, do contrario afloran os salvadores, en plural, porque xente con ideas sempre sobran na oposición.
Os chamados nacionalistas do BNG realizaron unha asemblea que dá como resultado unha tricefalia difícil de entender para o común dos galaicos, que están más afeitos a que sexa unha soa voz quen ordene e mande.
Por un lado haberá un portavoz nacional encargado de explicar ao cidadán o que proclamou o futuro candidato á presidencia da Xunta, que non ten por que coincidir co que substanciou no Parlamento o portavoz do grupo nacionalista. Tamén se poden dar outras tres variantes e así até a confusión total.
Parece claro que os asemblearios nacionalistas non tomaron exemplo dos seus colegas socialistas galaicos para evitar que mentres Manuel Vázquez predica por un lado, outros arengan ás súas costas. O caso do Partido Popular de Mariano Rajoy na oposición tamén debía ser tema de estudo para os do Bloque.
Pero eles saberán se esa política é a máis adecuada para regresar algún día ao comando da Xunta.
As vellas teimas nunca desaparecen e o camiño da perdición mantense intacto, como esa querencia por buscar un báculo no Partido Socialista de Galicia para que non goberne o Partido Popular nin concellos nin en San Caetano.
A pouco que se faga memoria, menos en dous ou tres casos que confirman a regra, o Bloque sempre acabou fatal cando estivo coligado cos socialistas.
Algúns partidarios de deixar libre ao cabeza de lista dos socialistas para que se esnafrase foron expedientados e expulsados da formación, sen que a formación tivese en conta que o candidato do PSdeG non tiña máis luces que un farol fundido e que o seu desgoberno levaría ao BNG a alcaldía en poucos anos.
Máis modernidade non lle viría mal á nova dirección do Bloque e pensar a que é debida a pouca conexión que teñen coa sociedade real e lanzar mensaxes claras e non contraditorias, pero adaptadas a cada concello e a cada segmento social. Non sei se existe no seo da organización un manual de recurso local para uso dos nacionalistas para evitar que o líder de garda explique os problemas da lei de costas ou o plan do litoral nun municipio que o máis cerca que ten o mar é a trescentos quilómetros, como ten ocorrido. Esas mensaxes soan mellor en Madrid, a onde debían ir con máis frecuencia, porque alí, na capital do Reino, é onde se gañan as eleccións.

Ningún comentario: