mércores, 29 de febreiro de 2012

OS SOLDOS DE RAJOY

Talvez recordarán vostedes que, en vésperas de eleccións, no programa de TVE "Teño unha pregunta para vostede", preguntáronlle ao señor Rajoy canto gañaba. O entón candidato e hoxe presidente, logo dunha pausa e varios "eh..., eh..., eh.., respondeu "bastante máis que vostede".
Agora, a través de internet, chega a resposta: entre o que lle paga o PP, o que cobra como deputado, -presidente, desde novembro-, e o que sumou como rexistrador da propiedade, segue cobrando ao redor dun millón de euros ao ano. A cifra marea, pois leva ingresados, a conta do contribuínte máis de vinte millóns de euros.
A noticia aparece na revista Atlántica XXII, baixo o título de "Que o rexistren" e á beira dunha foto do presidente do Goberno, con este "pé" que cobre toda a páxina: "O multimillonario que quixo ser presidente. Rajoy e o lobby dos rexistradores". Insisto, está en internet, e non en "Pradva".
O artigo, que desenvolve a noticia, conta algo xa sabido: "O lobby dos rexistradores impediu, durante o mandato de Aznar e el de vicepresidente, que se modificase unha solución preconstitucional que permitía a uns servidores públicos percibir pola prestación dun servizo, en réxime de monopolio, as súas retribucións directamente dos usuarios".
E é que o de rexistrador da propiedade -hai un milleiro deles en España que viven de rexistrar os bens e fortunas doutros-, un caso único en Europa de funcionario en canto a prerrogativas especiais e ingresos, cobra especial relevancia nun momento en que se regula o soldo dos altos executivos e machúcanse os ingresos de profesionais -mestres, médicos-, ademais de, tal como anunciou Rajoy no Parlamento o mércores, promover un código ético, estético e razoable aos edís segundo a capacidade dos concellos que gobernan.
Con algo de sorte, e cando o señor presidente acabe "recortando" os emolumentos do resto dos cidadáns -sexan xubilados, obreiros, traballadores cualificados ou prestacións para parados-? talvez acometerá a reforma do lobby ao que pertence tal como tamén lle ordena Europa.
E agora  -e tamén de internet- un chiste: "Se España segue indo mal, segundo as axencias de clasificación, e pasan tres meses ou tres trimestres, ¿podemos rebaixarlle o soldo ao presidente e, se a cousa non mellora, polo na rúa?".
Mariano, toma nota.

1 comentario:

VOLTAIRE-VIGO dixo...

LA CORRUPCIÓN QUE NOS INVADE


¿REALMENTE SOMOS EUROPEOS?


Ver en: http://voltairevigoblogspot.com