xoves, 1 de marzo de 2012

RAPOSOS COIDANDO GALIÑAS

Esta sensación é a que sinto desde que comezou esta crise que se iniciou como económico-financeira pero comporta enormes cambios na vida diaria da maioría das persoas. Os mesmos que nos levaron a esta situación son os que teñen o control para solucionar os nosos problemas.
Non parece un bo agoiro que no currículo do noso ministro de Economía figure ser asesor de Lehman Brothers ata a súa bancarrota para pensar que vai ser o artífice de sanear a nosa economía; como tampouco parece un bo principio que os presidentes de Autonomías, Deputacións e Concellos que deixan endebedada á sociedade, sexan os que teñen que retomar os cambios para facelas competitivas.
Soa a sainete que mentres algún destes personaxes pasa polo xulgado polo agasallo duns traxes e non por deixar a Autonomía máis endebedada de España, outros ordenen construír aeroportos polos que non pasan avións.
Os nosos gobernantes, non entro a cor, só ven continuar igual sen atreverse a ver outras formas de entender a sociedade. ¿De verdade necesitamos 260 senadores e 350 deputados e todo o que vén detrás para reorganizar a nosa economía? ¿Non pensaron que se non podemos pagar dous cámaras quedemos cunha, que se non podemos ter deputacións deixemos aos concellos necesarios con competencias claras?
Os que aínda temos traballo somos conscientes de que debemos mantelo e facelo máis produtivo, debemos ser solidarios cos que non o teñen e recoñecemos o esforzo que hai que facer; pero non estamos dispostos a que nos recorten o salario para seguir facendo unha mala xestión como ata agora.
Estannos coidando os raposos e queda por saber se somos galiñas.  M.T.S. 

Ningún comentario: