xoves, 19 de abril de 2012

AMNISTIA FISCAL: UNHA MENSAXE EQUIVOCADA

España ten unha economía mergullada importante e o país encara unha ardua batalla para reducir o seu déficit orzamentario ata o 3% do PIB en 2013. Pero a decisión do Goberno de permitir unha amnistía fiscal temporal é equivocada e probablemente será ineficaz. Un mellor enfoque sería reforzar os recursos para as inspeccións de Facenda.
España non é o primeiro país de Europa que declarou unha amnistía fiscal. Italia captou 4.500 millóns de euros cunha medida similar en 2009. Alemaña tamén tivo un programa voluntario en 2010, conseguindo uns 4.000 millóns en ingresos adicionais por impostos, de acordo coa OCDE. España espera alcanzar 2.500 millóns cunha taxa do 10% sobre a renda non declarada previamente. Implicaría uns 25.000 millóns adicionais en depósitos bancarios, que serían útiles para os bancos españois.
Pero a medida é arriscada pola mensaxe que envía. Podería facer que os cidadáns que pagan os seus impostos se sentan desmoralizados, logo de ver elevada a súa taxa impositiva polo executivo de Rajoy. Iso podería pór en perigo o futuro cumprimento cos impostos. Ademais, é unha medida illada para impulsar o orzamento en lugar dun cambio estrutural. En calquera caso, a medida podería ser ineficaz. Os evasores de impostos pensaranllo dúas veces antes de repatriar calquera diñeiro nunha economía deprimida.
Para combater a fraude, o Goberno sairía máis reforzado se incrementase os recursos contra a evasión fiscal. O anterior Goberno dixo que recadou 10.400 millóns na loita contra a fraude en 2011. O sindicato de inspectores de Facenda di que o 72% da fraude fiscal é labor por grandes fortunas e corporacións. Recomendan reformar o imposto de sociedades, máis aló da eliminación de exencións anunciada polo Goberno. UPyD estima que a fraude causou 80.000 millóns en perdas de ingresos ao ano.
A erradicación da evasión fiscal non curará de forma milagrosa a economía española. Pero a loita decidida contra a fraude fiscal traería máis ingresos, sen premiar aos evasores.

Ningún comentario: