mércores, 11 de abril de 2012

RICOS E IMPOSTOS

Alá polo mes de agosto do ano pasado Warren Buffet, o terceiro home máis rico de Estados Unidos, sorprendía ao mundo occidental cun artigo titulado "Deixade de consentir aos super ricos" no que urxía ao goberno do seu país a aplicar unha subida de impostos ás grandes fortunas para axudar a reducir o elevado déficit do Estado neste momento de crise.
As porcentaxes fiscais que se aplican deben elevarse, dicía Buffet, porque é inxusto que un traballador da pe pague máis impostos que un rico. "O ano pasado paguei só o 17,4 por cen en impostos, unha porcentaxe inferior ao que tiveron que pagar os 20 empregados da miña oficina, cuxo rango abarcou entre o 33 e o 41 por cen".
Ignoro se este multimillonario experimentou un repentino ataque de solidariedade, pero o certo é que estamos ante un raro exemplar dentro da xente adiñeirada. Polo menos por aquí, xamais se escoitou a un rico pedir ao Goberno que lles suba os impostos para achegar máis ás arcas do Estado. É máis, todos os ricos conseguiron que a súa carga impositiva sexa moi levadía grazas a unha lexislación favorable que permite "declaracións creativas" e uns cantos, en porcentaxe non determinada, non tributan por unha evasión fiscal clamorosa que os mecanismos do Estado non son capaces de detectar e perseguir.
Para recuperar algo da inmensa bolsa de fraude, o Goberno acaba de decretar amnistía fiscal, un mecanismo que xa utilizaron Boyer e Solchaga en 1984 e 1991. Espera o Goberno que retornen e afloren 25.000 millóns dos 40.000 que se estima dormen en paraísos fiscais e en chan patrio debaixo dos colchóns para recadar ao redor dos 2.500 millóns e equilibrar a partida de ingresos nos Orzamentos.
Dicía o ministro que é unha "medida extraordinaria" esta de a amnistía, pero é unha medida pouco edificante que volve demostrar o fracaso do Goberno na persecución da fuga de capitais, o diñeiro negro e a fraude fiscal.
En fin, que a doutrina Buffet de subir impostos aos ricos aquí é recorrente, pero como divertimento académico. Os ricos evaden o que poden e os políticos cando están na oposición reclaman para os enriquecidos o aumento da carga impositiva que non estableceron cando estaban no Goberno. E cando gobernan decretan e xustifican unha amnistía fiscal que repugna á ortodoxia económica, premia ao defraudador e ao delito e é un insulto ao contribuínte honrado que cumpre coas súas obrigacións fiscais. Unha vergoña, pero é o país que temos.

Ningún comentario: