xoves, 26 de abril de 2012

UNHA MENSAXE AOS NOSOS POLÍTICOS

Logo de toda a polémica desatada pola caza de elefantes, o rei Juan Carlos, sorprendeunos cunha declaración curta e emotiva pedindo perdón aos españois e comprometéndose a non facelo nunca máis.
En absoluto son monárquico, pero teño que aceptar que, ademais das súas palabras e o seu xesto compungido, o Rei está enviando unha mensaxe e un exemplo aos nosos políticos; unha mensaxe que espero capten.
Esperamos que nos próximos días e semanas podamos presenciar a moitos dos nosos políticos pedindo perdón. Pedindo perdón por nomear e apoiado a tantos corruptos que aproveitaron os seus postos públicos para lucrarse persoalmente; pedindo perdón por dilapidar os nosos impostos en proxectos faraónicos e inútiles como aeroportos baleiros, monumentos e edificios absurdos; pedindo perdón por mentirnos a todos pondo en marcha unha serie de medidas ocultadas ou falseadas nos seus plans electorais; pedirnos perdón por prometernos que en ningún caso van tomar medidas que afecten ao Estado de benestar nin a servizos básicos e, a continuación, pór en marcha medidas drásticas que deterioran a sanidade e a educación.
Esperamos unha catarse colectiva dos nosos políticos que, ademais de pedirnos perdón, prometan solemnemente non volver caer nos mesmos erros. Estou seguro de que a partir de aquí, a nosa clase política vai recuperar a credibilidade perdida.  A.B.R.

Ningún comentario: