martes, 17 de abril de 2012

¡XA ESTA BEN DE CONTOS!

Fagan o que queiran pero déixense de contos. Esas contas que tanto gustan en Alemaña, ameazan a recuperación e deixan sen futuro a miles e miles de cidadáns...
Os orzamentos do Estado, repasados "polo miudo" deixan claro que se o presente píntano negro o futuro será peor. As rebaixas -do 16,9% - nos ministerios supón menos políticas de fomento do emprego; menos prestacións por desemprego e, por suposto, menos emprego público tanto en forma directa (empregos na administración) como indirecta o rebaixarse de forma alarmante o capítulo dedicado ás infraestruturas, aínda cando a ministra de Fomento conte -unhas veces en Zamora e outras en Pontevedra- o conto da boa pipa con música do cha-cha-chá do tren...
Ademais destas xeneralidades pódense citar exemplos puntuais: rebaixouse, de forma perigosa, o capítulo dedicado á loita contra os incendios; o capítulo dedicado a atender a anciáns no fogar, deixa ao 90% de municipios sen axudas e, en definitiva, o severo recorte da Xunta afecta aos maiores de xeito grave, que terán que pagar polas axudas...
Pero é que, ademais, a reforma laboral -que segundo a ministra de traballo ten no seu haber dez mil novos empregos e segundo recórdanlle as estatísticas máis de cen mil despedimentos- conseguiu que, ao pagar as horas extras os empresarias aforráronse máis de setenta mil empregos...
Un chiste de "O Roto", explicábao cunha soa frase: "Se abaratan os despedimentos podemos crear millóns de asustados?... e así teñen o mercado laboral que, por certo, pon en marcha unha ministra -Fátima Bañez- que segundo a biografía oficial xamais tivo un emprego pois se trata de "unha liberada política", primeiro con nómina do PP e agora cos cartos de todos...
Alguén tan decatado como don José María Arias (¿banqueiro ou ex banqueiro?) prognostica catro anos máis de "seca" no sector crediticio, descenso espectacular nos ingresos da Seguridade Social polo aumento do paro e futuro incerto por culpa dos recortes en Educación...
Iso si: Mariano indulta aos defraudadores (vaia sorte, señor Conde) pero ameaza aos cidadáns que se manifesten -activa e pasivamente- contra todo tipo de ladróns, corruptos, incompetentes...
Os que, por exemplo dixo Rajoy, fixeron aeroportos sen avións ou o Gaiás, sen ir máis lonxe... que a Compostela.

Ningún comentario: