domingo, 27 de maio de 2012

AS CONTAS NON CADRAN

A diferenza entre ambas as circunstancias, a mentira contable do PSOE e a constatación do desvío orzamentario de Madrid e Valencia, é que mentres o engano dos socialistas só puido descubrise cando chegou o PP ao poder, a evolución negativa das contas madrileñas e valencianas foi revelada polos propios reponsables autonómicos populares.
Non é o mesmo porque non é igual. Cando, no discurso de investidura, Rajoy falou da necesidade dun axuste de 16.000 millóns de euros para cumprir o acordado con Europa, os socialistas calaron miserablemente a verdadeira necesidade de que se chegase aos 40.000 millóns, como aos poucos días púidose comprobar.
Deixando aparte o feito de que a trampa contable socialista supuxo 2,5 puntos do PIB e que este desvío agora constatado apenas chega ao 0,4, non hai que esquecer que estamos aínda referíndonos a cifras correspondentes ao período de 2011, cuxo control caía directamente sobre o Goberno de Zapatero. O exemplo de transparencia propiciado polo novo goberno de Rajoy, xa que logo, non pode ser máis encomiable.
Se os responsables políticos do PP fosen tan irresponsables como o foron o sr. Rubalcaba e os seus compañeiros de goberno, tratarían por todos os medios de ocultar esas cifras desfavorables. Como estamos ante novas formas de gobernar, que afrontan os problemas de fronte, con equilibrio, moderación e sentido reformista, era lóxico que ás contas mostrasen a realidade tal cal é. Non vexo ningún motivo racional para a crítica a non ser o feito de que as anticipacións económicas sobre a actividade non tivesen en conta o escenario dun esborralle inmobiliario, sobre todo en Madrid.

Ningún comentario: