domingo, 8 de xullo de 2012

LISTAS ABERTAS

O que lle sucedeu ao senador Juan Morano do PP, é unha proba ben clara de que a nosa democracia continúa estando sometida aos intereses dos partidos políticos.
Noutras palabras, o deputado ou o senador débese ao partido e non aos electores que lle votaron. Se ten que elixir, o primeiro é o partido. Nada de rebeldía, nada de crítica. Silencio e disciplina. Juan Morano foi desfenestrado por ser fiel aos seus electores e discutir as directrices do seu partido. A moitos deputados e senadores gustaríalles facer o mesmo, pero calan, porque fóra non hai ascensos nin privilexios e fai moito frío. A cúpula quéreos así, dóciles gregarios que opinan ao ditado e votan ao pé da letra.
Ninguén se atreve a cambiar a lei. Interésalles que siga así aos grandes partidos estatais porque desta forma teñen o goberno a man. Convenlles aos partidos nacionalistas porque manteñen a salvo o seu feudo. Mentres que os partidos minoritarios saen perdendo, porque os seus votos valen menos, e nunca poderán cambiar a orde establecida. Desta forma o control esta asegurado.
Segue tendo vixencia a frase de Afonso Guerra. O que se mova, non sae na foto. O que se mova pola súa conta, o que opine por libre, entérrase a si mesmo no Grupo Mixto. Alí esta agora Juan Morano, por ser fiel á súa conciencia, e leal coa xente que lle votou.
A pesar do seu exemplo, isto non vai cambiar, porque a democracia, tal e como está agora, é moito máis cómoda e manexable. Todo para o pobo, pero sen o pobo. Intereses partidistas están en primeiro lugar e o pobo é o último da fila. Por iso hai que dicilo ben claro, aínda que non nos fagan nin maldito caso: ¡Listas abertas, xa!  L.d.O.

Ningún comentario: