venres, 6 de xullo de 2012

TISANAS E INTRUSISMO PROFESIONAL

A señora Ana Mato, licenciada en Ciencias Políticas e en Socioloxía, atreveuse a recomendar o emprego de produtos naturais como tratamento para doenzas leves en lugar de medicamentos considerados por ela de escaso valor terapéutico. Non só moitos políticos ousan opinar de todo sen saber de case nada, ademais, teñen a desenvoltura de pretender sentar cátedra sen ser médicos e prescribir aos pacientes tratamentos.
Este país verdadeiramente non ten nin pés nin cabeza. Que a propia ministra que debese protexer á sociedade do perigo que supón o exercicio dunha actividade profesional sen o correspondente título académico sexa precisamente quen incorra en intrusismo profesional, recorda ao esperpento valleinclanesco máis xenuíno. ¿Como podemos esperar unha xestión rigorosa da sanidade por parte de quen ignora unha das principais obrigacións que emanan do seu cargo? ¿Que asesores médicos ou colexios profesionais foron consultados para elaborar a lista de medicamentos que pretende excluír? ¿contou cunha opinión especializada para priorizar a exclusión de fármacos en función da súa relevancia terapéutica? Se fose así, tranquilizaríanos corroborar que esta decisión foi referendada e cientificamente apoiada igual que toda actuación médica.
Estas cousas suceden porque non temos unha sociedade civil madura e consciente da súa responsabilidade. Por iso, como médicos e cidadáns preocupados polo exercicio digno do medicamento, vémonos obrigados a denunciar o comportamento inadmisible da señora Ana Mato. Esta conduta deplorable tería que supor o seu cesamento fulminante por irresponsabilidade manifesta. Pero como xa sabemos que asumir as súas propias responsabilidades non é algo ao que nos teñan afeitos, o único xeito de extirpar da sociedade a impostura política que a ameaza gravemente consiste nunha cirurxía radical: a dimisión democraticamente forzada pola cidadanía. Rafael Bornstein Sánchez. Hospital Central da Cruz Vermella. Servizo de Hematoloxía e Hemoterapia, Madrid e as firmas de 24 médicos máis.

Ningún comentario: