luns, 22 de outubro de 2012

ESTABILIDADE

Non se que nos dan para comer en España pero debe ser algo que nos senta fatal. Somos o país máis inestable do mundo civilizado. En 100 anos cambiamos de sistemas políticos máis veces que de calzóns, pasamos por ditaduras, repúblicas, monaquías parlamentarias, estados centralistas, estados das autonomías, etc. Acuñamos vocábulos como transversalidade ou asimetría coa mesma facilidade coa que dilapidamos toda a nosa credibilidade internacional.
Levamos 35 anos de democracia parlamentaria cun estado autonómico que nos puxo no mundo dun xeito máis que digna e xa estamos pensando en cambialo todo. Somos os campións dos paises con territorios con aspiracións secesionistas. Non sabemos nin onde imos nin de onde vimos.
Dicía Lincoln que unha casa que non está unida acaba derrubándose. Pois nós estamos facendo todo o posible por derrubar a casa na que vivimos. O fraquismo contaminou tanto o concepto de España e os nacionalismos manipularon tanto á sociedade que vivimos no país que menos se quere a se mesmo.
O devandito de que se oes a alguén falando ben de Inglaterra será inglés, se oes a alguén falando mal de Alemaña será francés e se oes a alguén falando mal de España será español, faise aínda máis presente nos tempos que corren. Antes que modificar o país con todo o que iso leva sería moito máis interesante cambiarnos a nós mesmos.
Vai sendo hora de que nos esquezamos dos poboados íberos e miremos un pouco cara ao mundo actual. Se cambiamos o modelo, fagamos un que dea estabilidade, non que xere inestabilidade. Pero iso paréceme difícil vendo a xungla de políticos que temos. Mesturar nunha mesa a Artur Mas con Rosa Diez é como mesturar o ketchup co zume, nada bo pode saír. Debemos empezar a pensar que estamos condenados a vivir nun estado problemático ata que nos invadan os chineses.

Ningún comentario: