luns, 29 de outubro de 2012

TRES AUTONOMÍAS BAIXO SOSPEITA DE CORRUPCIÓN

Coa causa aberta por suposto financiamento ilegal do PP balear xa son tres as autonomías onde goberna o partido conservador sospeitosas dunha grave práctica de corrupción consistente en adxudicar contratos con diñeiro público a empresas que acaban financiando actos electorais desta formación política.
O caso Gürtel, cuxo epicentro é a Comunidade de Madrid, destapou varios casos de suposto financiamento ilegal do PP a través das empresas coas que intermediaba Francisco Correa, xefe da trama. O mecanismo era parecido ao descuberto agora en Baleares. Correa influía sobre alcaldes do PP para que adxudicasen contratos a unhas empresas determinadas. Estas pagaban comisións por esas adxudicacións á trama Gürtel quen, á súa vez, acababa desviando unha parte deses fondos a actos electorais do PP.
Na Comunidade Valenciana, a investigación do caso Gürtel descubriu como o Partido Popular financiaba moitos actos electorais con diñeiro de empresas privadas que, á súa vez, eran contratistas da Administración.
Estas empresas contratistas aparentaban contratar servizos coas firmas da trama Gürtel e pagábanlles unhas cantidades de diñeiro que, en realidade, servían para financiar actos de distintas campañas electorais do PP nesa comunidade autónoma.
O Tribunal Superior de Xustiza da Comunidade Valenciana abriu hai meses unha causa ao financiamento ilegal do PP e mantén imputado aos empresarios que supostamente financiaron ilegalmente a esta formación política e a varios membros do Goberno autónomo que presidía Francisco Camps.
Na Comunidade de Madrid, o caso Gürtel segue instruíndose na Audiencia Nacional cunha causa única na que se acumulan distintas irregularidades, entre elas os contratos adxudicados por determinados Concellos, gobernados polo PP, que deron lugar a comisións ilegais que recadou a trama Gürtel e que, supostamente, acabaron financiando actos do PP.

Ningún comentario: