sábado, 22 de decembro de 2012

CARDO MARIANO

Non sei vostedes, pero un servidor lese os anuncios que "pegan" nos farois, debaixo dos semáforos, nas cabinas telefónicas ou ai! pegados aos escaparates. Igualmente leo as pancartas como, por exemplo, a de "os das preferentes estamos ata aquí os de en fronte" ou "Mariano, coñón, traballa de peón" e outros que non repito, pois estamos en época do Nadal.
Tamén leo os prospectos que me dá (logo de copagamento e acompañado do produto) a miña farmacéutica e as notas de prensa, os resumos que publica internet e tres, catro xornais ao día.
Case sempre me cabrean, poucas veces me reconfortan e moitas arruínanme o día. Na farmacia lin o de "cardo mariano", un produto recomendado pola publicidade pois é anticontaminante,".
Ao tempo, no xornal lin as tres páxinas que recordaban o primeiro ano de Goberno de Rajoy, "que deixa un país empobrecido, con máis paro e máis crispación social". E é que o presidente, atordado polo insoportable aumento do paro, preocupado pola recesión e sufocado polo estalido social, se enroca nas súas medidas -discutidas no Parlamento, contestadas na rúa- e tras doce meses de fracasos só ocórreselle pedir paciencia.
E é que, efectivamente, coincidindo co novo sorteo de lotaría -que seguro que non tocará a ninguén- se cumpre o que sería o ano perfecto: confianza inmediata dos mercados, retroceso vergonzoso do paro ante a agresiva e confiada patronal pola chegada do seu heroe e felicidade plena entre os cidadáns que percorrerían as rúas entoando loanzas a quen prometeu dicir a verdade aínda que doese", pero que deixa as malas noticias ao seu vicepresidente e ministros, mentres el queda lendo "Marca". Como será a cousa que ata os seus máis firmes defensores cren que é "un rexedor para tempos máis felices". Para cando gañe o Madrid a Liga.
Agora, superado pola crise, supeditado ao que mande a Merkel, repite a táctica franquista de non se meter en política e deixa esa tarefa para Gallardón e Wert que incendian o panorama nacional e converte a Mato na ministra máis perigosa, que xamais houbo, para a sanidade cidadá. Ademais para 2013 un segundo ano mariano.
Resistiremos.
E é que, hai vén o bo: o produto farmacéutico ao que aludiamos -cardo mariano recordan?- véndese en pequenas doses e con data de caducidade.

Ningún comentario: