xoves, 24 de xaneiro de 2013

ATA CANDO?

Luis del Olmo
A corrupción política chegou a uns límites insostibles, e faise máis vixente que nunca aquela pregunta de Cicerón. " Ata cando van abusar da nosa paciencia? "
Mentres o pobo aguanta a crise económica, sufocado por impostos e recortes sociais, mentres o país ve como emigran os seus mellores mozos, e sofre o lastre de seis millóns de parados, unha clase política irresponsable goza impunemente nun mundo feliz. Uns coleccionando coches de luxo, outros atesourando millóns en paraísos fiscais, uns repartindo sobres baixo man con diñeiro negro, outros acumulando subvencións, axudas e prebendas.
Pasan os anos, e a corrupción non se elimina, simplemente cambia de bando, entre a algarabía duns e outros. Como moito, poñen un parche, fan un remendo, e esperan que xurda outro novo caso que tape o anterior. Non hai solucións, porque eles non son a solución, son o problema. Os elixidos do pobo convértense en inimigos do pobo, e en vez de servir ao país, aprovéitanse del. Esquecen o seu pasado, desperdician o seu presente e asegúranse o futuro.
Urxe unha renovación total, fai falta unha reacción cidadá, unha protesta imparable, para que os políticos honrados, que habelos, hailos, cambien as leis que sexan necesarias. Teriamos que ter moi presente este consello de don Miguel de Unamuno:
Tropezades cun un que mente? Berrádelle á cara: Mentireiro! Tropezades cun que rouba? Berrádelle á cara: Ladrón! Tropezades cun que di parvadas a quen oe a xente coa boca aberta? Berrádelle á cara: Estúpido!Se seguimos soportando esta situación, non teremos o dereito de chamarnos cidadáns. Hai que eliminar a corrupción política, caia o partido que caia. Non podemos deixar que os corruptos se apoderen das nosas institucións democráticas. Están a abusar demasiado da nosa
paciencia.

Ningún comentario: