martes, 12 de febreiro de 2013

CORRUPCIÓN

O peor de todo xa non é a crise na que estamos inmersos, senón as diferentes actitudes de certos personaxes públicos (empresarios, banqueiros, políticos...) que nos levaron a esta desagradable e lamentable situación. Como vemos, cada día, segue a corrupción e o enriquecemento duns poucos a custa da maioría de cidadáns. Xeneralizouse unha práctica realmente insolidaria entre varios responsables financeiros, empresariais e políticos, principalmente, a través do abuso de poder para o seu propio beneficio persoal, sen ningún tipo de escrúpulos.
Mentres tanto miles de familias, do noso país, viven na miseria, sen apenas ingresos económicos e acudindo a comedores sociais ou entidades benéficas en busca de roupa, alimentos, mesmo de "esmola" para poder pagar as súas hipotecas ou alugueres e non ter que quedar a vivir debaixo dunha ponte. A moitos destes desvergonzados pouco lles importa esta realidade social, unicamente lles preocupa o seu propio benestar e sempre teñen algún argumento para xustificar as súas accións e manter as súas conciencias tranquilas.
Sen dúbida hai que tomar medidas civís e penais drásticas e exemplares para todos estes desalmados aos cales en nada lles preocupa o benestar xeral e a xustiza social, debendo retomar principios básicos e fundamentais como a honra, a humildade e a honestidade entre todos os servidores públicos.

Ningún comentario: