mércores, 6 de febreiro de 2013

O MAL OLOR

O goberno de España non entende nada, é costume que os poderosos confundan confianza con servilismo
Unha gran calidade da democracia é que os cidadáns poden proceder a un despedimento anticipado dos gobernantes que ulan demasiado mal. Tiralos pola borda, por dicilo dun xeito sutil. En Islandia fixérono, con políticos e banqueiros que saíron ras, e agora vailles de perlas cunha primeira ministra vermella, lesbiana e republicana, e cun novo proceso constituínte para preservar de estafas e rapiñas o laborioso país.
O pobo español foi moi xeneroso cos actuais gobernantes, outorgándolles nas urnas un poder absoluto. Un plus excepcional de confianza, non polos méritos ou carisma do vencedor, senón por dotalo, como nos contos infantís, dunha vara máxica en tempo de emerxencia. Mans libres para facer e desfacer.
O Goberno non entendeu nada. É costume en España que os poderosos confundan confianza con servilismo. Non lles gusta a tropa. As elites adoitan ser maleducadas. Habituadas ao imperio da súa voz. Co ego em-palma-do. A confianza malgastouse nunha soa dirección: desfacer, e con moi mal estilo. Levamos un ano en que non xurdiu nin unha soa proposición construtiva, de crecemento. A política de emprego formulouse ao revés, primeiro despidan e despois descubran, en lugar de abrir fórmulas de repartición de traballo. Aproveitouse a crise para unha contrarreforma integrista, arruinouse en meses a credibilidade de RTVE con propaganda estupefaciente. Asfixiouse o hábitat da cultura, da investigación. A xenerosidade transformouse en paciencia. A paciencia en resignación. Ata que chegamos ao estupor.
A sensación de vivir empantanados nesa postditadura que é a corrupción sistémica. Conta Plutarco que Hierón, mandamás de Siracusa, oíu que o criticaban polo mal olor de boca. Foi para a casa e reprochou á súa muller non o ter alertado. E ela respondeu: "Eu cría que todos os homes ulían así". Máis pronto que tarde, haberá que cambiar de bocas. Polo menos.

Ningún comentario: