martes, 26 de marzo de 2013

MARCHEN XA

O PSOE necesita unha dirección que teña as mans limpas, a cabeza alta e a capacidade de acurralar sen piedade á dereita da corrupción e a impunidade.
O mundo non é xusto, pero vostedes deberían sabelo mellor que ninguén. O seu partido fundouse para combater, precisamente, a radical inxustiza dun mundo non tan distinto a este. Se fixesen un pequeno esforzo por recordar as súas orixes, talvez comprenderían mellor a realidade que os rodea.
A dimisión de Óscar López non arranxa o de Ponferrada. O de Ponferrada non o arranxa nin Deus, pero López tería que terse ido hai unha semana, porque tomou unha decisión monstruosamente equivocada, e iso non significa o mesmo que cometer un erro. A crise co PSC non vai desembocar nunha ruptura, pero esa crise nunca debería terse producido. José Blanco renunciará ao seu escano se se abre un xuízo oral, pero o mellor sería que o tivese feito xa.
Señor Rubalcaba, ¿é vostede consciente de que as súas componendas internas representan o único balón de osíxeno co que contan os populares dende que estalou o caso Bárcenas? ¿É que non se dá conta de que a súa pasividade, a falta de reflexos e a catarata de desastres que caracterizan a súa dirección, non fai máis que abrir buratos polos que o PP se escapa para seguir navegando con arrogancia por augas tan turbias que en calquera outro país augurarían un naufraxio inevitable? Marche, señor Rubalcaba, e lévese a señora Chacón, e todos aqueles que sustentaron os erros do último Goberno de Zapatero. Deixe paso a unha dirección que teña as mans limpas, a cabeza alta e a capacidade de acurralar sen piedade á dereita da corrupción e a impunidade. Pola contra, ningunha das súas culpas será tan grave como a de ter apuntalado no poder un Goberno inmoral, promotor de políticas económicas que están a arruinar a maioría dos cidadáns. ¿Non lle parece xusto? Se o mundo o fose, o Partido Socialista Obreiro Español non tería chegado a fundarse xamais. Almudena Grandes

Ningún comentario: