martes, 30 de abril de 2013

A NENA DE RAJOY

Había unha vez unha nena, apadriñada por Rajoy, para a cal, o presidente, quería unha sociedade avanzada cunha educación para que esa nena chegase a ser mañá unha persoa preparada e con traballo. Tamén quería Rajoy que esa nena vivise nunha sociedade cunha sanidade cuberta na súa totalidade, que fora sa, que tivese a súa casa propia. Unha sociedade na que esa nena prosperase e cando fose maior estivese contenta de terse criado nun país chamado España.
Pasou ano e medio dende que Rajoy quería todas esas cousas para a súa nena, pero o que se conseguiu é que a nena está gravemente enferma porque a medicina que se lle administra a está a matar; non a atenden na sanidade pública porque non hai médicos de garda abondo; non puido ir á escola porque aos seus pais os desafiuzaron e tivo que marchar a outro lugar a vivir cuns familiares. A escola está pechada e non pode aprender, que no país que naceu, xa non hai unha oportunidade para ela, que os seus estudos, se os fai, non teñen saída. Viu como os seus pais están no paro e non encontran traballo porque o seu país, España, está a botar o peche.
Os seus pais xa lle advertiron que quedar embarazada neste país pode custarlle o cárcere, así pois, que teña coidado co tema. Mentres tanto a nena segue moi enferma e non se recupera porque o médico lle está a dar un tratamento incorrecto; xa llelo advertiron ao médico, pero di o doutor que quen mellor que el saberá o que hai que facer.
Pasaron catro anos dende que Rajoy subiu ao poder, chove, e estamos a velar o cadáver da nena coa tristura de non ter podido facer nada por salvala. Todos cren que a culpa é do médico, que se empeñou en darlle a mesma medicina, que non funcionaba. Cegouse tanto no seu diagnóstico que se negou a cambiar o tratamento. Eu creo que a culpa é doutro.

Ningún comentario: