domingo, 14 de abril de 2013

ESES XUÍCES

Unha serie de maxistrados estanse a converter, para moitos, nos únicos interlocutores institucionais válidos ante as angustias da sociedade
A asoballante abundancia de corruptos e os naufraxios da crise están a ter unha consecuencia inesperada: a entrada en escena dun puñado de xuíces que, de pronto, parecen terse convertido na nosa última esperanza. Que mudables son as sociedades en épocas convulsas: en xuño de 2012, unha sondaxe do CIS mostraba que o 58% dos españois tiñan pouca ou ningunha confianza nos xuíces. Hai uns días, outra sondaxe ditaminou que seguen sendo os profesionais menos valorados (non entraban os políticos), pero ollo porque a enquisa é diferente: agora pedíase a súa puntuación e sacaron 59 sobre 100, ou sexa un aprobado alto. Creo que non fai falta ser do CIS para apreciar que, nos últimos meses, unha serie de maxistrados se están a converter, para moitos, nos únicos interlocutores institucionais válidos ante as angustias da sociedade. E así, admiramos a Mercedes Alaya, soa e implacable ante a marranada dos ERE (ten unha páxina de fans en Facebook que xa vai polos 17.000 seguidores); e dende logo ao xuíz Castro, que tivo a coraxe e a dignidade de imputar a Infanta, devolvendo ao país a credibilidade no sistema legal; e a Vigués, o decano de Valencia que fixo o informe contra os desafiuzamentos; e aos moitos maxistrados que, dende Vigo ata Lanzarote, estanse a negar a botar a xente das súas casas. Estamos tan necesitados de heroes civís, de poderes protectores e de paladíns, que, de seguir así, os xuíces se converterán no estamento estrela. O cal ensinaría aos políticos que recuperar o aprecio cidadán é cousa doada. Abondaría con deixar de perseguir ferozmente os que protestan (vexo máis violencia nas declaracións políticas que na maioría dos escraches, segundo testemuñas) e con demostrar que polo menos son capaces de escoitar a dor da rúa.

Ningún comentario: