domingo, 21 de abril de 2013

O CANÓDROMO

Mentres o FMI fala da "fatiga" cidadá ante os recortes, Bruxelas esixe outra volta de rosca
A imaxe corresponde a alguén tan pouco sospeitoso de antieuropeísmo como Felipe González: o escenario europeo parécese cada vez máis a un canódromo, o lugar onde se celebran as carreiras de galgos. O galgo que corre (os Estados nacionais, neste caso España) trata de alcanzar unha lebre mecánica (a Unión Europea), que lle leva coa lingua fóra. Cando o galgo está a punto de coller á lebre mecánica, quen conduce a esta (Berlín) pega outro tirón e a lebre afástase de novo obrigando o galgo a un novo esforzo.
A metáfora recorda o sucedido a pasada semana, cando a Comisión Europea se reuniu para abordar a supervisión e corrección dos desequilibrios macroeconómicos dos países, e suspendeu a España en 6 dos 10 indicadores abordados. Tras asegurar algo tan retórico como que España vai no bo camiño, cominou ao Goberno a presentar un plan integral de reformas (léase "recortes" na maior parte dos casos), entre as que figuran unha reforma laboral aínda máis agresiva (redución da indemnización por despedimento improcedente), pensións, suba de impostos, etcétera, a cambio de flexibilizar unha senda de redución do déficit que todo o mundo, absolutamente todo o mundo, sabe que é imposible de cumprir, so pena de introducir a España nunha depresión aínda máis profunda.
O Goberno sostén que a análise feita por Bruxelas remata en 2011 (Zapatero), e non reflicte a corrección que se produciu o ano pasado e que dá como resultado a mellora en oito indicadores. O problema é que os dous que empeoran son o paro (que superará o 27% da poboación activa) e a débeda pública, que nun só exercicio creceu 15 puntos e que en 2015 chegará a un 100% do PIB (outros 16 puntos máis).
Hai certo cambio no punto de vista do Goberno sobre o noso papel no canódromo. O cansazo manifestouse no Congreso o pasado mércores, onde pareceu estar a establecerse un novo consenso entre as forzas políticas. Esta vez sobre "a limitación europea" máis que sobre "a solución europea". Ata agora, o pensamento dominante indicaba que estar en Europa, pertencer a Europa facía ao noso país máis democrático e máis xusto. Nas últimas sondaxes maniféstase que por primeira vez dende que España ingresou no club a metade da década dos oitenta, este non é observado polos cidadáns como a solución ás súas dificultades, senón como un problema en si mesmo. Dende que comezou a crise económica, España é o país no que máis se deteriorou a imaxe da UE, un malestar descoñecido pola súa intensidade.
FMI, un dos tres membros da troika que vixía aos países europeos intervidos, e que dá unha de cal e outra de area nas súas mensaxes, mencionaba hai uns días o perigo de "fatiga" dos cidadáns ante unha austeridade tan longa, tan autoritaria e tan única. Joaquín Estefanía

Ningún comentario: