domingo, 30 de xuño de 2013

A ESQUERDA NACIDA DA TRANSICIÓN

Como afirma Paul Watzlawick "de todas as ilusións, a máis perigosa consiste en pensar que non existe senón unha realidade". Na crise política e institucional que padece o país, a dereita acomoda as estruturas do Estado ás estruturas clásicas e inamovibles de poder como a única realidade posible e o partido socialista apela ao pacto, coa mesma prontitude con que o sangue acode á ferida, compartindo o criterio irreversible desa realidade.
Non hai nada tan fiel como o sangue á ferida, quizais, e no caso destes tempos de crise poliédrica, porque os partidos políticos de hogaño en España foron creados, adaptados ou inventados para ser instrumentos ad hoc do sistema nacido da Transición.
Naquel transo de prestidixitación política, non se fixo unha refundación do Estado, senón unha reforma a través dun Estado tuitivo dos intereses, momios e hemiplexías que deron xénese, solidez e continuidade aos escuros tempos do caudillismo. O axente da reforma, polo tanto, era o propio Estado, non a sociedade, aínda que a vontade estatal puidese acabar formándose mediante sufraxio. E por iso, morto o ditador a preocupación de todos a preocupación principal era, moito máis que a esencia do cambio, a seguridade formal do xigantesco taboado do Estado e a súa orde xeral e abstracta.
Todas as cautelas, prevencións e reservas, foron articuladas ao obxecto de que o dominium rerum, o dominio das cousas, o poder, non fose compartido posto que o poder sempre é o mesmo, aínda que cambie o atrezzo, e tende insensiblemente a concentrarse, non a difundirse. O sistema concedía liberdades individuais sen acabar de instaurar unha democracia porque a democracia é un réxime de poder e o poder debía permanecer inalterable. Nese contexto, a esquerda só era chamada a participar, lexitimando ao tempo a armazón sistémica, coa condición de que diluíse os seus propios valores e expectativas ideolóxicas, investida dun pragmatismo adaptado á forza dos feitos. Que feitos? Como escribiu no seu momento Alain Meyer, os que a clase dominante estableceu como tales mediante unha limitación arbitraria, os que ela invoca sen cesar e dos que se aproveita rexeitando toda alternativa ao statu quo.
É por iso, que cando a desafección e a incerteza cidadá, aínda que viñan sendo incoadas, empezaron a fundir e a ter vulto, o partido socialista actúa nunha realidade inexistente intentando integrar no sistema aos movementos sociais externos e hostís á dinámica institucional mediante os sucedáneos retóricos que ignoran, pola inmunodeficiencia ideolóxica, as causas do conflito social e acode aos mantras pactitas que restablezan os compromisos da Transición. Os cadros do PSOE asentados na banalización política padecen a vertixe das organizacións pechadas que actúan baixo unha teoría da sociedade e non na sociedade. É o que acontece cando as ideas xa non son entendidas como principios que están presentes na realidade asegurando a harmonía e a coherencia de todo.  

Ningún comentario: