sábado, 29 de xuño de 2013

A CRUA REALIDADE

O noventa por cento da cidadanía afirma que este é un país de corruptos e a realidade confírmao con cifras: dous mil políticos están ante os xulgados por ser "pillados" coas mans na masa. Mellor dito: coas mans na caixa. Outro dato: "por aquí", suman sesenta e seis, figurando no terceiro lugar por comunidades autónomas...
Ao tempo, as noticias poñen o foco na realidade máis cruel: un 16% dos menores en España vive en fogares con pobreza severa, mentres pechan comedores nos colexios. As cifras lévannos ao maldito país dos anos corenta e cincuenta, unha longa "noite de pedra".
Hai dous millóns de familias con todos os seus membros no paro. Trescentos mil universitarios non poden seguir os seus estudos por falta de recursos. Prosegue a depreciación dos salarios que se cifra, segundo os expertos, entre o 13 e o 30% nos últimos oito anos.
Esta é a crua realidade. A puñetera verdade que se ilustra coas noticias, as imaxes das colas ante a oficina de emprego; os comedores sociais e os angustiosos berros das organizacións pedindo axuda para os bancos de alimentos, para que moitos xubilados poidan comprar as súas medicinas, pagar o recibo da luz ou, simplemente, poder cear todos os días da semana...
E logo están eles: os dos sobresoldos, os que viven de roubar os demais e os que, a río revolto, conseguen magníficas "colleitas". Din que o número de ricos en España creceu un 5,4% o ano pasado; os grandes executivos e os "xefes" do Fondo Monetario Internacional (que piden rebaixar os soldos dos demais) viron incrementados os seus soldos un 11% situándose nos 300.000 euros ao ano, libres de impostos.
E neste escenario, fronte á crua realidade, vén Rajoy e di "que estamos mellor que o ano pasado", que se remata a crise.
Naturalmente!, Mariano, Bermúdez de Castro, Floriano, Montoro, Dolores de Cospedal, Areas, Ana Mato e así ata corenta do grupo que nos manda e arruína, non sofren a crise, pois viron mellorados os seus ingresos en cifras obscenas grazas a esas cantidades de diñeiro -¿negro, sucio?- que repartía Bárcenas, segundo a investigación policial que ten o xuíz... Unas cantidades que a maioría non declarou.
Isto é o que hai. A crua realidade

Ningún comentario: