domingo, 17 de novembro de 2013

A CORRUPCIÓN EN ESPAÑA

O 80% dos españois cre que a corrupción está estendida no Goberno

España era en 2012 un dos 34 países membros da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos (OCDE) onde hai máis cidadáns, case o 80 por cento, que pensan que "a corrupción está estendida no Goberno", superado só por República Checa, Grecia, Portugal, Italia, Corea do Sur e Hungría.

O informe Panorama das administracións públicas 2013 , publicado este xoves pola OCDE, tamén indica que a confianza dos españois no Goberno e no sistema xudicial era entón moi inferior á media dos países da OCDE, despois de reducirse no primeiro caso dun 48 por cento en 2007 a un 34 por cento o ano pasado.
A confianza no Executivo central nos Estados membros diminuíu, de media, dun 45 por cento en 2007 a un 40 por cento en 2012, de acordo con datos da enquisadora Gallup.
O documento inclúe tamén datos dun Eurobarómetro de 2013 segundo o cal España é o país da UE onde é máis baixa a "tendencia a confiar" no Goberno e un dos países con menor confianza nos partidos políticos, en ambos os dous casos por debaixo do 10 por cento.
Ademais, só un 29 por cento dos españois din estar satisfeitos e confiar no sistema xudicial, fronte a unha media do 51 por cento naOCDE. Son moitos máis os que expresan a súa confianza na Policía (75 por cento, tres puntos por enriba da OCDE), na sanidade pública (74 por cento, tres puntos máis) e a educación pública (63 por cento, tres puntos menos).
Outro dato que se inclúe no estudo é o que cuantifica o nivel de publicidade dos intereses privados das persoas que ocupan cargos públicos e a dispoñibilidade de información para os cidadáns, que naOCDE se sitúa nun 51 por cento e en España é un 42. Respecto aos cidadáns que utilizan Internet para interactuar coas administracións públicas, no caso de España son un 45 por cento e na OCDE son un 50.

Ningún comentario: