-O importe das sentenzas contra o municipio suma seis veces o seu presuposto
O bum do
ladrillo e as descomunais macrourbanizacións arruínan a pequena
localidade costeira de Miño, a 20 minutos en coche da Coruña.
Este concello gobernado polo PP dende
hai décadas debe 30,5 millóns de euros por condenas xudiciais a
consecuencia dunha mala tramitación de expropiacións de terreos
para albergar promocións inmobiliarias a grande escala, como a
descomunal e inacabada Costa Miño Golf (1.217
vivendas e parcelas) de Martinsa-Fadesa, ou o proxecto de 750
vivendas que pretendían erixir no monte Piñeiro cinco
promotoras. Unha factura millonaria que representa seis veces o
presuposto anual deste municipio de apenas 5.700 habitantes. E pode
dispararse noutros 75 millóns de euros por reclamacións de danos e
prexuízos das empresas afectadas.
A
estratexia do alcalde, Jesús
Veiga Sabín,
intenta gañar tempo recorrendo invariablemente as sentenzas contra o
concello que sucesivamente emitiu o Tribunal Superior de Xustiza de
Galicia. Pero xa van máis de 11 anos de agravios, litixios, non
pagamentos e condenas xudiciais que abocan a
unha quella sen saída e a ruína económica desta localidade. A súa
débeda municipal, uns catro millóns de euros, vai camiño de ser
tan grande como o seu presuposto anual (4,9 millóns en 2013,
prorrogado este ano). O
último revés chegou a semana pasada, cando o Concello confirmou que
decaeu, por incumprirse os prazos, o convenio urbanístico para
construír 750 vivendas no monte Piñeiro, un enclave
privilexiado con vistas ao mar e gran valor ecolóxico ao incluír
unha marisma e brañas. O proxecto foi ideado e pactado antes da
crise, en 2006, cando Miño xa
levaba catro anos enfrascado nunha das promocións máis grandes de
Galicia, a de Costa Miño Golf de Martinsa-Fadesa.
Pero
no monte Piñeiro,
as cinco promotoras (unha UTE composta
por Constantino
Núñez, Odegal e Lucus
Urban así
como as empresas Promocións Areal e Vallehermoso)
recorreron nos tribunais o sistema de expropiación e gañaron o
litixio fronte ao Concello, que foi condenado a devolver os tres
millóns de euros que cobrou en 2006 como canon por ese
aproveitamento urbanístico que nunca se chegou a realizar e a pagar
1,5 millóns en intereses. Hai un ano, nun intento de resucitar o
proxecto e pagar a prazos esa débeda que poñía en quebra as
maltreitas arcas municipais, o Concello renegociou e asinou coas
construtoras un novo convenio polo que se comprometía a tramitar nun
ano a aprobación definitiva desta macrourbanización e o seu
proxecto de parcelación.
Debera
estar todo listo antes da entrada en vigor, o próximo 24 de
febreiro, do Plan de Ordenación do Litoral que acouta, e bastante, a
edificación no monte Piñeiro ao
cualificalo de área de mellora ambiental. Pero transcorreu o ano sen
que ese convenio fose ao pleno e agora a nova norma obrigaría a
redimensionar o proxecto, dado que xa non se poderá construír preto
da marisma. Ademais, alerta o PSOE local,
único partido na oposición (seis edís fronte a sete do PP), a
resolución do convenio dá a posibilidade ás promotores de reclamar
prexuízos ao Concello, uns 20,8 millóns de euros segundo cálculos
das empresas.
"Estase
a repetir o caso de Fadesa",
acusa o voceiro socialista, Manuel
Vázquez Faraldo:
"o goberno local expropia terreos para un negocio privado, cunha
tramitación turbia e problemas xudiciais, ata a entrada en concurso
de empresas implicadas," como aconteceu cunha filial
da UTE promotora
da urbanización do monte Piñeiro.
En 55 millóns de euros cifrou Martinsa-Fadesa a
indemnización que podería reclamar a Miño,
despois da sentenza do Tribunal Superior, en novembro pasado, que
anula o proceso de adxudicación da urbanización Costa Miño
Golf.
Unha condena que ten sida recorrida ante o Supremo, pero que tamén
ameaza con levar a ruína total ao Concello. E segue sen pagar os 26
millóns polas expropiacións desa promoción. El Pais
Ningún comentario:
Publicar un comentario