mércores, 28 de maio de 2014

AS FAMILIAS PAGAN 50 VECES MÁIS IMPOSTOS QUE AS GRANDES EMPRESAS

Así o recolle un informe presentado por Oxfam Intermón, que pide ao Goberno que acometa unha reforma fiscal para financiar as políticas sociais tras os recortes sufridos.
 
Os responsables de Oxfam Intermón pediron ao Goberno que acometa unha reforma fiscal que permita financiar axeitadamente as políticas sociais tras os recortes sufridos, xa que co actual sistema as familias achegan case 50 veces máis ás arcas públicas que as grandes empresas.
Esta é unha das conclusións do informe sobre o sistema tributario español que denominaron "Tanto tes, tanto gañas?. Fiscalidade xusta para unha sociedade máis equitativa", que presentaron este mércores en rolda de prensa o director xeral desta ONG, José María Vera, e a responsable de investigación, Teresa Cavero.
Cavero incidiu en que o sistema tributario en España recada pouco sete puntos por debaixo da media europea, e que o groso da recadación provén do traballo e o consumo dos cidadáns e non das rendas do capital nin dos beneficios das empresas. As familias achegan arredor do 90% da recadación e as empresas o 10%, e desa porcentaxe, menos do 2% corresponde ás grandes compañías, segundo o informe.
Por iso, Oxfam Intermón
aproveitou que a reforma fiscal se tramitará nos próximos meses para pedir ao Goberno, a través dunha campaña, que corrixa as "ineficacias" do sistema e os "desequilibrios" causados tras lles medidas de austeridade aplicadas dende 2010, "que minguaron a capacidade adquisitiva das familias españolas con subas de impostos, baixadas de salarios e recortes en servizos sociais,".
Co fin de lograr "unha fiscalidade xusta para unha sociedade equitativa", segundo Intermon, débese recadar máis, pero cun maior esforzo das persoas máis ricas e as grandes empresas, ademais de garantir a progresividade de forma que se tribute en función da capacidade e da actividade económica, e poñer couto á fraude fiscal.
 
Dez cambios que Intermón ve necesarios para unha reforma fiscal xusta

1. A política fiscal debe combater a desigualdade á marxe de intereses partidistas, contribuíndo a unha sociedade máis xusta e equitativa.
2. Hai que recadar o suficiente para financiar un modelo social que garanta servizos públicos de calidade e igualdade de oportunidades.
3. Débese aplicar "tolerancia cero" á fraude fiscal, incluíndo medidas que poñan freo á impunidade dos evasores.
4. Os privilexios e a opacidade dos paraísos fiscais deben desaparecer.
5. Recadar máis non pode supoñer aumentar o esforzo fiscal das clases medias e os máis pobres. Quen máis ten, ha de contribuír máis.
6. Todos, empresas e individuos, deben tributar en función da súa capacidade e da súa actividade económica real, sen privilexios, nin excepcións.
7. As grandes fortunas e as rendas do capital teñen que contribuír en maior medida, para reducir a presión sobre os salarios e o consumo.
8. O sistema tributario ten que ser progresivo e equitativo no seu conxunto sen medidas que favorezan os intereses duns poucos.
9. Os beneficios fiscais deben ser excepcionais e só deben aplicarse, se permiten crear valor real e duradeiro (como a creación de novos empregos de calidade).
10. Unha boa política tributaria require un debate público aberto, transparente e con participación cidadá.

Ningún comentario: