venres, 27 de xuño de 2014

A NOVA "ABANCA" DE ESCOTET

Máis castigo aos empregados e máis soldo aos conselleiros.

Cambio de marca, pero non de formas. Como Pego, Gorriarán e compañía, a primeira medida da nova cúpula foi duplicarse o soldo. Pola contra, o novo dono das antigas caixas galegas quere estender o horario de toda a súa rede de oficinas ata as 19:00 horas. Ademais, cambia o plan de incentivos comerciais e aparca a solución das preferentes aos familiares dos traballadores.

Cambiou a forma, neste caso a marca, pero non o fondo. Este xoves desapareceu NCG Banco, a antiga Novagalicia, reconvertida en Abanca, o novo logo imposto polo comprador, o venezolano Juan Carlos Escotet, para intentar separarse do seu pasado. Cambiou a imaxe, as cores, o tipo de letra pero os novos aires son antagónicos entre o que recibirá o seu recén nomeado consello e o que herdará o seu equipo. Fronte ao aumento de soldo aprobado para os conselleiros (de 300.000 a 500.000 euros, máis outros 100.000 euros en axudas) este mesmo mércores, no seu primeiro consello sen ter ao FROB como vixilante, Escotet pretende endurecer as condicións laborais dos seus empregados, segundo confirman fontes da entidade. O novo equipo directivo así transmitiuno xa internamente na convención de directivos que se celebrou o pasado sábado.
"Como pouco, non é moi afortunado que a primeira medida dos novos xestores fose duplicarse o soldo, cando esta entidade foi das primeiras en ser sinaladas polas millonarias indemnizacións (ascenderon a 18,9 millóns) de José Luis Pego, Gregorio Gorriarán e Óscar Rodríguez Estrada," denuncian dende o interior da entidade.
O novo equipo xestor pretende alongar o horario de apertura das 640 oficinas para que estas permanezan abertas ata as sete da tarde os cinco días da semana. Escotet e Javier Etcheverría, vicepresidente e presidente de Abanca, respectivamente, pretenden trasladar a toda a rede o horario singular que se implantou en 190 oficinas, como consecuencia da firma do último expediente de regulación de emprego (ERE). Nestes centros funciónase en quenda de mañá (9:00 a 14:00 horas) e de tarde (16:30 a 19:00 horas).
Para evitar o conflito cos sindicatos, posto que a dirección non pode tomar esta decisión de forma unipersoal (o horario está fixado no convenio en vigor), Escotet pretende xustificar esta decisión apelando aos clientes. Así, a entidade comezará unha enquisa entre os seus clientes para preguntalos polas súas necesidades de servizo e cales son os mellores momentos do día para acudir ás sucursais.
Por outra parte, a nova dirección procedeu a cambiar o plan de incentivos comerciais a falta de 24 días para a finalización do segundo trimestre. Este novo programa de retribución deixa fóra ao persoal dos servizos centrais, algo máis de 800 empregados, e propoñerá premios só por obxectivos de oficinas, facendo desaparecer o bonus polos obxectivos individuais.
Ademais, o novo equipo anunciou que os familiares e traballadores da entidade serán os últimos afectados polas preferentes e débeda subordinada aos que se lles ofrecerá unha posible solución. Neste sentido, a antiga Novagalicia confía en ter solucionado este conflito o próximo 30 de setembro. A partir de entón, comezaríase a estudar, caso a caso, as denuncias dos familiares e traballadores.
Pero no interior da entidade non só preocupan estes cambios nas condicións laborables senón que crece o temor pola capacidade de xestión do novo equipo, afeito a dirixir entidades moito máis pequenas que Abanca. Pénsanse que unicamente por incrementar o financiamento a pemes e familias está todo feito. Despois de todo o vivido nesta entidade dende a súa nacionalización, a fuga de clientes e de pasivo, hai moito traballo por facer. Necesítase moito coñecemento do mercado español, algo que gran parte do consello non ten," aseguran dende a entidade.
 Xunto a Escotet e Etcheverría, o novo consello está formado por Francisco Botas, conselleiro delegado de Abanca e ex director xeral de NCG Banco dende marzo. Así mesmo, foron nomeados Raúl Baltar Estévez (Vigo, 1963), xerente xeral do Headquarter Banesco Grupo Financiero Internacional, en Panamá, dende abril; Pedro Raúl López Jácome (Lalín, 1959), fundador e CEO do Grupo MWM Securities-Miura Financial Services; e Carina Szpilka Lázaro (Bos Aires, 1968), integrante dende 1998 do equipo que lanzou ING Direct en España e no que permaneceu ata 2013. Tamén forma parte do consello de administración Miguel Ángel Capriles López (Caracas, 1963), que foi durante 15 anos presidente do Consello e conselleiro delegado do principal grupo de medios imprimidos de Venezuela, Cadena Capriles.
Ademais, tamén preocupa a parte do equipo que o novo equipo se estea a rodear dunha segunda fila directiva integrada por "os delfíns de Pego (ex director xeral de Novacaixagalicia) ou Gayoso (ex presidente das fusionadas caixas) que levaron ás dúas caixas ao desastre".

Ningún comentario: