sábado, 12 de xullo de 2014

RAJOY SÓ FALA DE FUTBOL

Que Rajoy era un vividor da política é algo que hai moitos anos nolo deixou claro. Tivo a sorte de gañar, á terceira, unhas eleccións xerais sendo o líder peor valorado da oposición, non soamente por estraños, senón polos propios militantes do seu partido. Pero, como di a canción, que motivos habería para cambiar a estas alturas? Ningún, nin sequera o máis mínimo e elemental respecto de Mariano aos españois.
Eu cheguei a crer que despois da súa comparecencia a través dunha televisión de plasma para non dar explicacións sobre o financiamento ilegal do PP, era case imposible que este personaxe conseguise elevar o listón. Equivocábame. O momento encontrámolo cando nos corredores do parlamento se lle ilumina a cara ao preguntalo polo 1-7 encaixado por Brasil, pero corta a conversación cando un xornalista ten a mala idea de molestarlle sobre Gowex. É dicir, temos un presidente do Goberno que só fala de fútbol porque cando fala doutra cousa, xa sexa política ou economía, simplemente mente. O bo que teñen no Partido Popular é que non lles faltan linguas nin caras. Vergoña toda, pero a faladuría cotiá practícano dunha forma case perfecta na súa estratexia de manipulación política a través da mentira e a propaganda. Por exemplo, se non quere falar Rajoy, para que está Floriano? Para chegar a onde faga falta, aínda que nunca se saia dese vertedoiro argumental e amoral que sempre o acompaña.
Como toca falar de rexeneración política, Floriano quere un pacto co PSOE e demais forzas políticas para chegar á conclusión de ata que grao de desvergonzado pode aguantar un político antes de marchar do seu cargo, coma se a moral e a decencia en política puidera medirse cun termómetro e chegados a unha temperatura limite pactada xa tivesen que tomar medidas, ao igual que coa febre nos bebés. Só a alguén que non entenda o significado da democracia e da responsabilidade política ligada á decencia persoal, pode pretender esta especie de formulación absurda que non ten máis obxectivo que tecnificar a legalidade, a ética e a estética para uniformar, no fondo, a indecencia pública ata o tolerable segundo pactado.
Pero como non só de pan vive o home, agora podemos observar como na ciencia do "cuñao español" naceu unha nova teoría para erradicar os políticos corruptos. Ben, en realidade para o cuñao todos os políticos son corruptos. Pero hai solución: poñer á fronte das principais alcaldías e sentados nos escanos a personaxes que sexan ricos.
Por que? Porque como non necesitan roubar poderán ser implacables coa corrupción e non necesitarán a política para vivir. Conclusión: só os ricos poderán mandarnos porque eles si son decentes e non impíos pecadores que meterían a man nos petos dos contribuíntes. Para Madrid, sen ir máis lonxe, pídenlle ao PP que propoñan a Florentino Pérez
, que é o exemplo a seguir.En definitiva, pasamos de buscar un cirurxián de ferro a un cirurxián de ouro, próximo ao becerro de ouro, pero esta vez en home. Este é o país que temos: onde o goberno pretende cuantificar o grao de corrupción tolerable antes de botalo do partido; e onde moitos cidadáns culpan a xente pobre de ter querido dedicarse a ser político e corromperse polo camiño.
Marcial Vázquez

Ningún comentario: